A ponte sobre o Drina, (Ivo Andric, gran rinoceronte)

A ponte sobre o Drina (4)Agustín Agra. Esta tarde, folleando na busca dalgunha novidade apetitosa no catálogo de Rinoceronte, decateime de que a maior parte dos títulos da editora de Cangas xa foran albo das miñas lecturas. Malia ser certo que un par deles –contados–, alén da súa calidade, non foron coincidentes cos meus gustos literarios, sei que podo encetar a cegas calquera nova entrega coa confianza de que hei gozar coa súa lectura. Mais se algún de entre todos eles deixou pegada en min –aínda hogano soño, pesadelo redundante, coas vívidas imaxes dun dos seus capítulos descarnados– ese foi A ponte sobre o Drina.

Máis alá de Gorazde, tristemente coñecida pola limpeza étnica perpetrada polas tropas serbias durante a Guerra de Bosnia –imprescindible a novela gráfica Gorazde, zona segura, de Joe Sacco, tamén publicada por Rinoceronte– atópase Visegrad. Ambas as poboacións atópanse unidas polo Drina, un río turbulento de augas frías e verdosas.

A ponte sobre o Drina (2)A ponte sobre o Drina, do Nobel Ivo Andric, narra a historia da ponte ergueita en 1577 por orde do gran visir Mehmed Paša Sokolović –neno cristiá roubado a súa nai polos musulmáns– entre ambas as beiras do río na localidade de Visegrad. O narrador –fabulador extraordinario– vai tracexando escena tras escena, alternando o drama e a anécdota, mais sen caer na banalidade, da xente do común no transcurso de máis de trescentos anos: dende o inicio do dominio otomán no século XVI ata 1914 co estoupido da Gran Guerra. As personaxes pasan ante nós unha tras outra, os seus ascendentes e descendentes, coas súas andanzas e vicisitudes: vida e morte, amor e odio… Corre a auga do Drina baixo as arcadas, ora calma ora tumultuosa, mais a ponte non cambia, permanece inmutable, testemuña impasible da historia.

Non coñezo Visegrad, a vila bosníaca onde transcorre a historia; tampouco Belgrado, cidade na que Andric viviu –interesante capítulo o que lle dedica Cesar Antonio Molina en Lugares donde se calma el dolor–; mais si peregrinei a mantenta á vila bosníaca de Travnik, lugar no que o Nobel naceu en 1892, e ao seu chalet de verán en Herzig Novi, Montenegro –agora reconvertido en restaurante e atendido por un dependente seareiro do cineasta Pedro Almodovar–, para descubrir que de Andric apenas quedan catro mobles e unha máquina de escribir.

A ponte sobre o Drina (3)Fantasmas balcánicos de Robert D. Kaplan e o clásico Cordeiro negro, falcón gris, da irlandesa Rebecca West, amósanse como títulos inescusables, de obrigada lectura, para entender esas terras, as súas xentes e os seus conflitos. Mais A ponte sobre o Drina proporciónanos as claves íntimas para afondar nelas: a chave dos comportamentos, tanto individuais como colectivos, dos diferentes grupos humanos, musulmáns e ortodoxos, católicos e xudeus, que a conforman, dende a súa mesma raizame.

            Se parte do que somos provén das nosas lecturas, canto lle debemos ás editoriais as súas seleccións? Grazas, xa que logo, tanto ao responsable da escolla como a Jairo Dorado –autor, entre outras, desta tradución encomiable–.

Un comentario en “A ponte sobre o Drina, (Ivo Andric, gran rinoceronte)

  1. Foi un dos meus libros de solteiro. Hai caseque 5o anos. E aínda está na casa dos meus pais en Xío (Porto do Son) Marabilloso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *