
Francisco Ant. Vidal Blanco. Quen non se sentiu algunha vez feliz en plena soidade, sen máis ocupación que a contemplación, iso que alguén chamou «o marabilloso paspar»?. Sen embargo, a soidade prolongada xa non é o mesmo. Das enfermidades psíquicas asociadas a persoas solitarias temos moitos exemplos coñecidos, de silandeiros e recluídos, taciturnos, apoucados, mal pensados e todas esas doenzas que non sangran pero acaman.
E a ciencia, unha vez máis, demóstranos que os mecanismo destes sentimentos están na bioquímica que nos soporta e corrobora o que a experiencia empírica nos ensinou, tal e como nos acaban de facer saber uns investigadores californianos que se dedicaron a comparar o xenoma de varias persoas que se sentían illadas co de outras ben relacionadas e encontraron que nas solitarias aumentaba o risco de enfermidades inflamatorias e diminuía a resposta antiviral, ou que as mesmas feridas tardan máis en cicatrizar entre os solitarios. Seguiron investigando e descubriron que non fan falta pastillas para regular o mecanismo corporal, que hai enlaces celulares que segundo o estado de ánimo actívanse máis ou menos para loitar contra as infeccións. Uns enlaces que naquelas persoas dadas á soidade se bloquean e son a causa da falta ou da demora dunha cura.De todo isto, os investigadores conclúen cousas tan tristes como que o corpo está programado para alcanzar coa soidade e a infelicidade que trae a ancianidade, unha especie de deterioro xeral que se acelera ata a morte, ou que os estados de estrés acompañados de soidade activan esas células causantes do malestar físico, mentres que o benestar axuda na lonxevidade. Así, aínda que sabemos que hai drogas contra a soidade como as hai contra o catarro, eu sigo preferindo o meu parladoiro de cada xoves ou a partida de brisca de cada tarde para sentirme ben.