A chama ardente: éxtase e gozo místico

fidelFidel Vidal. A éxtase, o arroubo, é unha forma especial de alienación. Un xeito singular de estar e ser fóra dun mesmo sen saír de min. Se os demais son quen de me conferiren determinadas calidades, incluso facendo unha descrición do meu carácter que eu non recoñezo como tal, sexa como for, están referíndose a min, e eu sabendo que “son eu” de quen falan (como un outro). Ese eu incompatible co eu que teño que ser, tamén son eu, pero –esténdese Sartre- metamorfoseado por un medio novo e adaptado a ese medio: “É un ser, o meu ser, pero con dimensións de ser e modalidades enteiramente novas; son eu, separado de min por unha nada infranqueable, pois son ese eu, pero non son esa nada que me separa de min”. (Ler semellante discurso sería o que Flaubert debeu denominar embriaguez pola palabra, da que eu gusto).

O meu ser para min, na participación dunha vivencia interior disociada de non sentirme propiamente eu mesmo senón que habita outro en min, sen a distancia da visión extática, é tal a sensación que devén chocante e angustiosa. Á par fáiseme sorprendente polos sentimentos de estrañamento e, malia todo, familiar. “A miña alma é unha chama ardente, insaciable de novos horizontes. No seu tácito ardor, cara ás alturas flamexa eternamente” (Nietzsche).

Para Octavio Paz (O arco e a lira) a experiencia do sobrenatural é a experiencia do outro. O terror sagrado é pánico, indicible precisamente por ser experiencia do indicible. Na súa forma máis pura e orixinal a experiencia da outredade é estrañeza, estupefacción, parálise do ánimo: asombro. “O misterio, a inaccesibilidade absoluta non é senón a expresión da outredade, diste Outro que se presenta por definición como algo alleo ou estraño a nós. O Outro é algo que non é como nós, un ser que é tamén o non-ser”.

llamaA “Llama de amor viva” representa a éxtase da unión mística con Deus, unha metáfora sublimada da unión carnal. É unha lapa viva que na éxtase “morre” ao desaparecer a conciencia na confusión do axuntamento. Ser só un na unión, e con máis intensidade no intre da petite mort, como denominan os franceses ao flash do orgasmo. O deleite do “estado de graza” estriba, pois, en estar fóra do mundo –Apártalos, amado, / Que voy de vuelo-, e fóra de si. Isto é, literalmente -en palabras de Ortega-, o que significa “ex-stasis”: estar fóra de si e do mundo. Este afán de saír “fóra de si” creou todas as formas do orxiástico: embriaguez, misticismo, namoramento.

Estou convencido de que frei Juan de la Cruz renunciaría á santidade polo que ten de ostentoso, por mor de ser mellor persoa na humilde, e independente, como aquel que rexeita o premio Nobel para non se ver atrapado na etiqueta exclusiva dun catálogo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *