Salvú

Camilleri, AndreaAgustín Agra. A Sicilia téñolle querenza. Os relatos de O recendo das mimosas (Xerais, 2009): O enxido dos lagartos –cun Luigi Pirandello a vagar polas ruínas de Akragas despois do pasamento– e Wunder-bar con Taormina, a vila do famoso anfiteatro romano empoleirado nun balcón sobre o Mediterráneo, como escenario pro-tagonista– dan testemuño desta afirmación.

Como xa teño manifestado con anterioridade, nin son lector de novela negra nin gusto do libro dixital. Porén, nos últimos anos collín o costume de cargar antes das viaxes, aquilo da lixeireza de lectura e equipaxe, algunha novela en formato dixital da serie do comisario Montalbano.

A trama dos relatos e novelas policiais do comisario Salvo Montalbano son, para min, o de menos. O que de verdade me resulta interesante é a capacidade de Andrea Camilleri, o seu autor –siciliano nado en Porto Empédocle–, para recrear o ambiente e radiografar con precisión a sociedade da illa. A obra de Camilleri é unha homenaxe continua, malia que afastada de todo maniqueísmo, a Sicilia. A primeira delas, A forma dell´acqua, está datada no ano 1994, cando o autor contaba xa 70 anos. Dende aquela Vigata e Marinella, trasuntos de Porto Empédocle e Agrigento, convertéronse no centro das correrías dos personaxes das, ata agora, vinte e seis entregas.

il-commissario-montalbano-720x416Aprecio de forma sobranceira a ironía de Salvú e o sentido do humor do seu creador, mais tamén a súa visión aceda da sociedade. Salvú é un policía peculiar, como o son todos na súa comisaría: Augello, Fazio, Catarella… Ao seu profundo concepto de xustiza, alén do que estea escrito na lei, engade unha ampla cultura e a calidade de ávido lector. Dante, ao igual que os seus conterráneos Leonardo Sciascia e Giácomo Leopardi son, entre outros moitos, compañeiros habituais das súas lecturas nocturnas.

Montalbano vive en Marinella nunha casa fronte ao mar. Adoita pasear en calzóns á súa beira e bañarse nu de madrugada. O fillo menor de Adelina, a mucama que coida da vivenda e o agasalla con suculentos xantares, está no cárcere arrestado polo propio Montalbano. Mais o comisario vive só; Livia reside en Boccadase, barrio mariñeiro de Xénova, mais as acedas e románticas pelexas telefónicas que manteñen, amais de The country sleep, o poema de Dylan Thomas, fan deles unha sólida parella.

O comisario gusta do café  –expreso duplo, mesmo triplo en ocasións–, do viño –xa sexa de Pantellaria ou o que elabora seu pai–, mais sobre todo é un gran gourmet. Os opíparos e ictiófagos xantares que deglute na trattoría de Enzo, a san Caloggero: salmonetes con salsa, sardiñas a beccafico ou calquera outro prato de peixe fresco… precisan, amais de dixestión, de reflexión. Daquela merca nun quiosco unha bolsiña de garavanzos tostados e sementes de cabaza e dá un longo paseo ata o faro, na estrema do porto de Vigata, na busca desa chispa necesaria para desencadear a solución do caso.

malaga_2016Mágoa é que o entrañable Montalbano, nado de xeito suposto no ano cincuenta, acadara nalgún intre do 2015 a idade de xubilación; e que Camilleri, seu pai literario, sumase os noventa en setembro dese mesmo ano. Malia a saber da existencia dunha serie televisiva creada pola RAI e emitida tamén por estes lares, da que se poderían filmar novos capítulos, non teño o maior interese en vela. Moito me temo que, a non moito tardar, o tempo –sexa cal for o significado deste termo– me prive da gozosa compaña de Salvú.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *