A eterna cama de pedra: os sartegos de Pomar e Quins

barbeitoVíctor Barbeito Pose. A escasa distancia do actual templo de Posmarcos, no medio dunha fermosísima fraga rodeada de socalcos que lle inspira un encanto especial, localízase unha pequena necrópole moi singular, denominada Os sartegos do Pomar, tallada sobre un afloramento rochoso que seguramente serviu como camposanto de certa «aristocracia» local. Seguramente nos atopemos nun deses lugares centrais de relevancia supralocal onde as tumbas son un dos elementos lexitimadores duns individuos distinguidos que posiblemente exercerían o control sobre determinados recursos, dereitos e servidumes (usufruto agrario, acoutamento de espazos dedicados a pacer o gando, etcétera).

Esta hipótese refórzase se temos en conta a relevancia xurídico-administrativa que Posmarcos vai adquirindo dende os albores da historia; así, por exemplo, xa aparece referida por Plinio o Vello (viviu entre os anos 23 e 79 d.C.), como a zona na que habitan os praestamarci, territorio delimitado entre os ríos Tambre e Sar, o que nos sitúa na península do Barbanza.

Incluso, hoxe, Posmarcos (de Arriba e de Abaixo) forma parte de dous dos tres arciprestados nos que se divide a comarca do Barbanza.

Volvendo sobre os sartegos de Pomar, semella que o seu emprazamento non é aleatorio, ao localizarse xunto a un paso natural, un corredor, polo que se accede á serra; próximo a un regato, nas inmediacións de terreos de diversa capacidade agrolóxica, un espazo ideal para unha comunidade cun modo de vida campesiño, e afastado relativamente do perigo da costa.

Os sepulcros deben estar preto do lugar de poboamento medieval do que hoxe descoñecemos a súa localización exacta; e, moi posiblemente, este lugar mortuorio rupestre se vise privado da relevancia social tras do afianzamento da rede parroquial (da segunda metade do século XII en adiante), da que, xunto coa emerxencia de novos actores, nacerá unha nova conxuntura sociopolítica que implanta un novo modelo e trae consigo o xurdimento dun novo espazo sepulcral controlado e xestionado directamente pola Igrexa, como é o cemiterio parroquial que se sitúa, agora si, no contorno inmediato do actual edificio parroquial.

Un proceso análogo semella acontecer co sartego localizado en Porto do Son, Sartego de Eitiriños de Quins, en Resúa (Nebra), situado nun emprazamento similar, afastado da costa e no pé de monte serrán, nas inmediacións de terras de grande interese agrolóxico.

A construción destas sepulturas rupestres supuxo unha notable inversión de esforzo que requiriu do concurso de canteiros especializados, que seguramente non estaban a disposición de todos os petos, polo que debeu ser un recurso a disposición duns poucos, empregado para magnificar a súa autoridade.

Un comentario en “A eterna cama de pedra: os sartegos de Pomar e Quins

  1. Pues sí, Victor, como bien dices, Posmarcos forma parte de esos arciprestazgos del Barbanza. Mira: Palmeira, pertenece a la provincia de la Coruña, al Ayuntamiento de Ribeira, al Partido Judicial de Noya, a la Diocesis de Santiago de Compostela, a la Ayudantía de Marina da Pobra do Caramiñal, y al arciprestazgo de Posmarcos. ¿Alguien da más? Tenemos de todo como en botica. A Palmeira podría llamarse ” La casa de tócame Roque ” porque como decía Galdós en uno de sus Episodios Nacionales : ” La casa era de esas que pueden llamarse mapa universal del género humano… ” Palmeira es así, pertenece a todos y nadie nos pertenece.
    Disculpa por desviarme de tu magnífico artículo pero, Posmarcos me infundio la perorata.
    Saludos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *