A clase de esgrima, de Klaus Härö

La-clase-de-esgrimaXerardo AgraFoxo. Fuxindo do seu pasado e da policía secreta de Josef Stalin, Endek Nelis, un mestre de ximnasia, chega a Haapsalu, Estonia, para desempeñar o seu traballo nun club deportivo para cativos. Son os anos  cincuenta do pasado século e a ocupación rusa nos países bálticos está presente en todos os recunchos da vida duns habitantes que viven dentro dunha atmosfera de medo e opresión. Cando Endel esperta a admiración dos seus alumnos, o director da escola, un comisario político do réxime comunista, cismado que a esgrima é un deporte burgués e decadente, procurará indagar no seu pasado para desacreditalo diante da comunidade educativa local.

Esta película finesa, que foi candidata no ano 2016 aos Óscar á Mellor Película Estranxeira e aos Globo de Ouro, conta unha historia algo convencional, pero que ao estar tratada cun ritmo candente, continuas elipses e unha ambientación  austera, convértese nun filme moi interesante.  esgrimaA través dos códigos que rexen o mundo da esgrima resáltanse os valores máis nobres do ser humano, así como se critica a paranoia que envolveu a época stalinista, onde calquera “disidencia” era castigada cun paseo polos campos de concentración espallados polas autoridades comunistas pola chaira siberiana.

O máis curioso é que a película está baseada nun feito real. Cando o protagonista regresou dos GULAG á súa terra emancipada, abriu un club de esgrima que conseguiu varias medallas olímpicas e importantes éxitos noutros torneos internacionais.

Un comentario en “A clase de esgrima, de Klaus Härö

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *