
Francisco Ant. Vidal Blanco. O malo que teñen as vacacións é a data de caducidade: non duran nada. En menos dun mes pasamos da euforia atlética cargando coa maleta dos bañadores, animados pola paga extra de xullo, a volver extenuados co móbil abarrotado de lembranzas, que debe ser a cousa que máis pesa cando retornas ó cotián. E se un mes de vacación non é nada, dous meses aínda son menos, pois, como é sabido, os meses de vacacións mídense polo pouso que deixan, e a máis meses máis pouso.
O peor dos finais de vacacións, nesta terra de ausentes, é que nos queda por diante un longo período de señardade despois das pracenteiras tardes compartidas con amigos, familiares e paisaxes que che lembran un pasado cheo de pecados (veniais, evidentemente) compartidos sen malas intencións. E tras a despedida o retorno está cheo de tópicos que se acrecentan xa antes de conectar o machete da luz e sentir como empezan os aparellos domésticos a cobrar vida, ou cando o teléfono camufla as benvidas con recados e urxencias que nos confirman esa verdade irrefutable: necesitaba outro mesiño máis. E ó día seguinte a encher a despensa e a mochila dos libros escolares sen paga extra nin beca que nos anime.
En ningunha época do ano se amosan tantas fotos de mesas con mantel, pratos de polbo á feira, sardiñas asadas e churrasco invadindo os móbiles como nestes meses de vacacións. Pero unha vez alcanzada esa fatídica data de caducidade imposta por convenio, cando volvemos a pór o espertador en hora sen deixar de soñar con días de sol e despreocupación, quen máis e quen menos aspira a acertar unha quiniela que nos libere do convenio laboral para poder seguir de vacacións eternamente, repasando en soidade toda a documentación fotográfica que trouxemos con nós.Soños aparte, a realidade é que a volta ó traballo impulsará a economía (falta saber cara onde), reduciranse as listas de espera dos hospitais (esperemos que por razóns de vida), os políticos volverán á rutina de sempre ó «eu xa o dixen» e ó «ti es un mentireiro». Pecharán os chirinquitos e os parados volverán a pasar polo Inem para que todo volva á normalidade.