Galicia e os galegos na poesía castelá. LXIV. Eduardo Marquina

Eduardo_Marquina,_de_AudouardRomán Arén. Eduardo Marquina (1879-1946), nacido en Barcelona, figura importante no seu tempo, foi un dos cataláns de Franco. Coñecido, sobre todo, polo seu teatro histórico en verso con obras como Las hijas del Cid (1908) ou En Flandes se ha puesto el sol (1910), escribiu unhas sesenta obras teatrais, pero o mellor do seu teatro radica nas obras poéticas de ambiente rural como La ermita, la fuente y el río (1927). Tamén importante poeta, modernista nos seus inicios, comezou a súa carreira en 1899 con Jesús y el diablo, para publicar logo Odas (1900), Églogas (1901), Las vendimias (1901), Elegías (1905), Vendimión (1909), Tierras de España (1914), Breviario de un año (1918), Mi huerto en la ladera (1936), Por el amor de España (1937), Lámparas (1943) e Recogimiento (1944). Foi tamén autor de novelas curtas (La caravana, 1907) e ensaios (El Cid y Roldán, 1929). Membro da Real Academia Española en 1939, faleceu en Nova York. Nas súas Obras completas (Madrid, 1944) están os “Triunfos de Galicia”, ao que pertence o fragmento que Alonso Montero ofrece na súa antoloxía de 1974, sobre a muller galega, que data dos anos 40:

Híspida en el paisaje, la rueca en su mano/ el pañolón abrumador/ sobre las mechas grises y el verde rostro anciano,/ de una vieja, al pasar, recogí el estupor…/ Flota al viento el zurullo de la lana, confuso;/ se esparce un son de lejanas campanas/ y hay no sé qué en la vieja y el copo y el huso/ de Parca inmemorial que hila vidas humanas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *