Xerardo AgraFoxo. Da man da directora india Mira Nair (Orissa, 1957) e coas interpretacións de David Oyelowo (Selma, Nina Simone, Un reino unido), Lupita Nyong´o (12 anos de escravitude) e Madina Nalwanya, unha bailarina de 15 anos escollida entre 700 candidatas, esta película conta unha historia sucedida nun país onde non hai moito tempo mandaran o corrupto Milton Obote e o tirano Idi Amin Dadá. O argumento d´A raíña de Katwe (2016) transcorre nun arrabalde marxinal de Kampala (Uganda), erguido coma unha favela nas marxes do lago Vitoria, onde unha moza, Fhiona Mutesi, pretende saír da vida miserenta que a cingue grazas á axuda dun mestre, Robert Katende, que, cando ela só buscaba un prato de comida, a inicia no mundo da xadrez.
Malia a conflitiva situación en que viven os protagonistas desta película, nais solteiras, vivendas cativas, orfos de guerra e noxentas condicións hixiénicas, Mira Nair foxe do melodrama e relata unha historia de loita e supervivencia, onde a xente mostra o lado máis amable do continente negro. O talento da directora de Salaam Bombay (1988) e A voda do monzón (2001), albíscase sobre todo no desenvolvemento dun argumento ateigado de sensibilidade, onde os comportamentos individuais poden ser a esperanza dunha África ceibe de conflitos bélicos e dramas persoais. O resultado é un extraordinario biopic, e tamén unha lección de como saír das traxedias: “o peón pode converterse en raíña”.