A Quiet Passion, de Terence Davis

A-Quiet-PassionXerardo AgraFoxo. Esta é unha película de Terence Davis (Liverpool, 1945), o mesmo  director de The Deep Blue Sea (2011) e Sunset Song (2015), o gran clásico da literatura escocesa. Neste caso conta a historia da gran poetisa norteamericana Emily Dickinson (1830-1886), que, despois dun trauma emocional padecido cando era una cativa, se recluíu na casa dos seus pais en Amherst (Massachusetss), onde viviu coma una refuxiada, retirándose da vida social. A película desenvólvese na súa totalidade ao redor da casa familiar onde se mostrou como unha muller dunha extraordinaria intelixencia e alta sensibilidade, pero tamén unha persoa mordaz e desafortunada. Un ser que non deixou de criticar a relixión, a sociedade da súa época ou o adulterio do seu irmán. A través dunhas escenas iluminadas cun excelente manexo da luz e uns diálogos conmovedores podemos coñecer os enigmas dun ser brillante e contraditorio, unha persoa que non coñeceu o sexo nin puido consumar os seus amores románticos pero que escribiu un poema –Achégase o home na noite– onde delatou a súa condición de namorada, ben sexa da súa cuñada ou do reverendo Wadsworth.

a quiet 2A Quiet Passion (2016) é unha película excepcional para coñecer a melancolía desta desalentadora muller, admiradora das irmás Brontë, outras vidas desgrazadas, que buscou no niño familiar o refuxio onde ocultar a súa amargura e publicar en vida só unha ducia de poemas, aínda que logo se atoparon centos nunha gabeta do seu “cuarto propio”, onde viviu illada para defenderse da represión exterior da época e da relixión. Admirable!

Un comentario en “A Quiet Passion, de Terence Davis

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *