Tres (ou catro) obras e un complexo

edipoFidel Videl. O interese desta achega pretende non tanto entender o Edipo como complexo senón  comprender a Edipo como home, e así acadar un mellor entendemento e, se cabe, máis claridade sobre o coñecido complexo. Estaba ben lonxe Sófocles da que lle ía armar Freud ao pobre Edipo co seu complicado nó arredor do falo, base de estrutura do desenvolvemento psicolóxico do ser humano. Desde entón Edipo está ligado ao complexo que leva o seu nome.

Como definición, adóitase aplicar á atracción do neno polo proxenitor do sexo oposto, acompañada de sentimentos de agresividade ao do mesmo sexo. Na súa orixe, o termo atribuíase unicamente ao varón. Foi Jung quen desenvolveu, en paralelo para a muller, o mal chamado complexo de Electra, entendéndoo como a “atracción sexual inconsciente que sente a nena polo seu pai”. Freud non acepta este modelo por non se axustar á realidade, e prefire falar, -idea aceptada por Lacan-, de “Edipo feminino”.

O xuízo xeral respecto do complexo de Edipo resúmese dicindo que o neno ama a súa nai e odia o seu pai, desexándolle a este a morte. Enténdese ademais a morte do pai como un desexo contra o rival, e inherente á evolución da condición humana. Así de sinxelo. Unha síntese tan básica, tan limitada aos tres elementos que o compoñen -o famoso triángulo amoroso- non pode responder a unha realidade establecida encol do “complexo” como concepto. Porque se é complexo non pode ser simple. A redución chega ao extremo de facer da frase “matar o pai” como un equivalente a “ser adulto”.

Despois do Edipo de Sófocles, o Hamlet de Shakespeare aparece para Freud como segunda lectura capital. “Unha idea cruzoume pola mente, a de que o conflito edípico posto en escena no Oedipus Rex de Sófocles podería estar tamén no corazón de Hamlet. Non creo nunha intención consciente de Shakespeare senón máis ben que un acontecemento real impulsou o poeta a escribir ese drama, e que o seu propio inconsciente permitiulle comprender o inconsciente do seu heroe” (Freud, nunha carta a Fliess). O tríptico complétase c´Os irmáns Karamázov de Dostoievski.1174381873Don_Hamlet_teatro “Polo que ao escritor se refire –di Freud– non hai lugar a dúbidas, ten o seu posto un pouco detrás de Shakespeare. Os irmáns Karamázov é a novela máis acabada que xamais se escribiu”.

Se no Edipo, Rei descobre o universal do inconsciente disfrazado de destino e en Hamlet a inhibición culpable, é n´Os irmáns Karamázov onde reside o desexo parricida. Dificilmente se deba ao azar que as tres obras mestras da literatura de todos os tempos xiren sobre o mesmo tema: o parricidio. Trátase de lle retorcer o pescozo ao pai e deitarse coa nai, e non de lle retorcer o pescozo ao pai para se deitar coa nai. Hai relación de coordinación, afirma Jean Bergeret, e non de subordinación. Freud insiste na irreversibilidade da idea da morte: a do pai ou a morte de un mesmo.

Mais, para coroar o discurso cunha axeitada conclusión, falta unha cuarta obra: o Don Hamlet de Cunqueiro. Esta resume a tese de Freud sobre o Edipo que encerra o Hamlet ao facer do tío asasino o seu propio pai. Don Hamlet ao decatarse desa verdade, cando o sabe, asómbrase, e non quere saber. Despois de remoer os miolos na traxedia de Shakespeare, “dei na teima –explica Cunqueiro- de que había algo no máis fondo do conto que non tiña sido usado polo dramaturgo inglés. Rogo que se acepte que estas liñas están escritas cunha humildade sen reservas. E un día veume, coma un lóstrego, a revelación. O Usurpador, era o verdadeiro pai de Hamlet. Entón, todo cadraba mellor”. Estamos, pois, de volta ao Edipo e a unha forma da “máis famosa das lendas que predican do home, que contan do home que para selo matou a seu pai e casou con súa nai.”

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Fidel Vidal, Teatro. Garda a ligazón permanente.

2 respostas a Tres (ou catro) obras e un complexo

  1. Magdalena di:

    Querido Fidel; acabo de entrar en casa ( estos días no estoy en ella) y aunque he leído vuestros artículos en el móvil, he encendido el ordenador para releerlos desde la perspectiva o el enfoque de una letra más legible. He llevado conmigo dos libros; uno de Francisco Candel y otro de Álvaro Cunqueiro. El de Candel :” Esa infancia desvaída” y y el de don Álvaro, “Don Hamlet”. ¡ Ya ves que casualidad !. A Candel lo dejaré al margen porque ahora toca decir algo sobre la obra de Cunqueiro que como tú bien señalas, resume la tesis de Freud sobre Edipo, al hacer de Hamlet el asesino de su propio padre al cual el escritor de Mondoñedo concedió a Halmar ( su tío ) la potestad de progenitor. El libro es buenísimo, me ha parecido una obra espléndida. con textos magistrales como por ejemplo cuando habla de los Hardrada unos de los primeros reyes de Dinamarca. “Este acostumbrado al mar hizo que la cama nupcial tuviese forma de nao y tenía siempre gente a sueldo para que lo mecieran”. “O día que casou, non por iso deixou de usar cama abaneada”. Genial. No quiero alargar más este comentario con todo lo positivo de la obra porque sería más largo que tu entrada pero,no me resigno a dejar atrás algo por lo que Cunqueiro después de encontrarse tan orgulloso de su obra, se sintió ninguneado por algunos que dijeron que su Don Hamlet era una simple parodia del Hamlet de Shakespeare. Una canallada.
    Buenas noches Fidel y besos compartidos para ti y para don Álvaro donde quiera que esté.

    • Fidel Vidal di:

      Moi bos días, miña atenta Magdalena:
      Se “O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca” é unha simple parodia, benvidas sexan as parodias simples coma esta! Concordo coa túa valoración e gozo da formidable obra de Cunqueiro, da que tamén houbo os seus máis e os seus menos sobre se a escrbiu para representar ou non. De seguir co tema que nos trae hoxe ao Café, `falaremos’ diso noutra achega.
      Saudiña e unha aperta de apoio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>