Apocalipse xovialmente integrada (II)

trabajochinosIgnacio Castro Rey. A media aritmética xuvenil consiste aproximadamente en que, ao conectar os seus ensimesmamentos numéricos, eles xiran en círculo, ignorando suavemente todo o que non entra no hahaha continuo no que se pechan. Tense dito que se cumpre así o plan inconsciente de conver-ter a masa xuvenil nos novos “chinos” da precariedade laboral, da sociedade Lowcost que os vai maltratar. Por suposto, en inglés e con sorrisos, pero cun futuro maltrato asegurado no que eles pasarán de reis virtuais a escravos reais. Aínda que se crean mimados, son vítimas dunha demagoxia democracia horizontal que os converterá en empregados de segunda fila. Mentres tanto, maltratan. Con este estilo surfeante que os caracteriza, ignoran todo o que semelle difícil, raro, lento ou escuro. O “gamberro” que abandona os estudos é con frecuencia popular –aínda que non chegue a youtuber– porque empurra ao extremo a indolencia que é a actitude de fondo da maioría.

Moitos xoves están de volta de moitas cousas que só teñen vivido en pantalla. Por iso saen a “cazar sen fame”, dicía un pai un pouco desesperado. Debido á xeometría variable na que vibran –tecnoloxías, modas, argot, corte de pelo, imaxes virais-, esa función de onda continua permítelles perder a baixo custe a capacidade para o simple e rotundo. Antes mortos que sinxelos, dicía a canción, aínda que o importante sexa sempre o sinxelo. Á xuventude actual cústalle mesmo o que se podería chamar fidelidade, que tamén é sinxela. De aí que se poida dicir que é bastante platónica –no sentido de Nietzsche- e convencional, pois elévase sen cesar a estereotipos que aforran a individualidade.buscando-trabajo-en-foxconn Eles viven nunha especie de discreto “modo avión”, nunha diversión continua que salva do tráxico, que no fondo decide finalmente a sorte de cada un, tanto no amor coma nas notas. En contra do que sería a natureza de sangue novo, cústalles escoitar e estudar de maneira intuitiva, levando as ideas que circulan ao sentido común para faceren unha mestura que separe o “gran” da “palla”.

De aí que os contidos –ate os de informática- con frecuencia se lles fagan raros, difíciles, demasiado largos. Débese a que os tragan en bloque, coma se Sócrates ou Lispector fosen marcianos e non estiveran falando da experiencia común; coma se Deleuze, Onetti ou Arendt fosen só a materia dun exame, cultura pesada, e non unha arma para sobrevivir nunha sociedade que vai ser implacable, tamén cando estea dirixida por eles. Todo o que os rodea promete facilidade sen fin, pero engánaselles para convertelos en material maleable.

3 comentarios en “Apocalipse xovialmente integrada (II)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *