José Benito Hermida Juanatey: Un pedagogo noiés na Pobra

O Escritor. EL DESPERTADOR DE LA INFANCIAPastor Rodríguez. Nado en Noia en 1850, o mestre Benito Hermida Juanatey desenvolveu toda a súa vida profesional n’A Pobra do Caramiñal. Tras estudar Filosofía e Letras no Seminario de Compostela, abandona os estudos relixiosos para facer maxisterio, acadando na década de 1880 a praza de mestre de primeiras letras n’O Caramiñal, onde casou dúas veces e deu orixe a unha coñecida familia nesa vila. En 1876 publica unha obra pedagóxica, El despertador de la infancia, o sea nuevo y fácil tratado de las tres asignaturas más importantes de la primera enseñanza: Historia Sagrada, Gramática y Aritmética, que foi declarada de texto para as escolas polo Consello de Instrución Pública o 19 de marzo de 1886. Esta primeira edición é obra rara nas bibliotecas galegas, pero consérvase exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid. A obra deste escolante de Santa Cristina de Barro tivo bastante éxito, pois en 1899 apareceu a cuarta edición na imprenta L. Rodríguez, de Vilagarcía de Arousa. Impartiu aulas na actual Casa do Concello d’A Pobra, destinada a escola polo mecenas Fernández Varela, pero tras a reforma de 1886, o Consistorio foi marxinando a escola e prohibiu a entrada pola fachada principal, o que leva ás protestas do mestre durante varios anos. Nesa polémica intervirán Montero Ríos e Díaz de Rábago, favorables ao mestre. O labor pedagóxico de Hermida foille recoñecido e nomeárono Fillo Predilecto, colocando unha placa na fachada da Casa do Concello, retirada nos anos oitenta. Hermida Juanatey falece o 8 de novembro de 1920.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *