Un café con Carson McCullers

A-BALADA-DO-CAFÉ-TRISTE-CUBERTAMaría Xesús Blanco. É unha ledicia ler na nosa lingua, na tradución de Salomé Rodríguez Vázquez, A balada do café triste (Editorial Rinoceronte, 2014) da escritora estadounidense Carson McCullers (1917-1967). Unha novela breve, conmovedora, que artella o seu argumento nun escenario rural do sur dos Estados Unidos, na primeira metade do século XX, cando só había tempo para as quendas interminables nas fábricas de algodón e as duras tarefas do campo. A escritora relata, coa voz dun narrador na distancia, a transformación dunha casa illada e ruinosa, na que vive a súa dona, a señorita Amelia, cando chega á vila un personaxe eivado e misterioso ao que todos chaman o curmán Lymon.

Esta casa tapiada, pechada aos de fóra, trocará nun café cheo de vida con ventiladores eléctricos e cintas de cores, converténdose no centro de reunións da xente do lugar e no escenario dun triángulo amoroso, trama principal da novela.

Carson McCullers crea deste xeito unha atmosfera fermosa e perturbadora ao mesmo tempo, na que transcorre a vida duns personaxes ao límite que amosan personalidades cargadas de emocións pero con dificultades para atopar a felicidade.

carsonE o lector asiste, sen alento, a un xeito de contar no que a voz narrativa conforma escenarios e personaxes con feitos usando unha linguaxe ricaz e transparente anegada de imaxes moi poderosas.  Asiste a un relato que bebe dos temas sobresaíntes na traxectoria literaria da escritora, como son a represión e a marxinación atendendo á condición social de raza ou xénero, e o sentido tráxico e irracional do sentimento amoroso na voz de personaxes antagónicos e extremos como son a señorita Amelia, o seu ex marido e o curmán Lymon.

Asemade esta edición ofrece a lectura de seis relatos da autora: Wunderkind, O Jockey, Madame Zilensky e o rei de Finlandia , O transeúnte, Un dilema doméstico e Unha árbore, unha rocha, unha nube. Todos eles zumegan a mestría narrativa dunha escritora que retrata a época e o lugar que a viu nacer mergullándose na cerna máis íntima e desoladora do ser humano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *