Pedra ou rocha…?

dinosauroJose Lires. Aceptamos “dinosauro” como mamífero bípede da nosa especie entrado en anos? Teño as miñas dúbidas. A raíz dunha achega anterior neste café, un admirado amigo, persoa docta e multifacética no eido da cultura, facíame unha crítica ben interesante. Parecíalle que os científicos –nalgún momento formei parte do gremio, polo que me sinto aludido- andabamos con andrómenas léxicas para definir acontecementos naturais. Nesta leria o que faciamos era roubarlle ao fenómeno descrito, toda a beleza salvaxe que os artistas atopaban no feito natural en si. Lembro que a frase da discordia era: “crise sísmica que vimos padecendo”. Nun encontro na rúa argumenteille o meu punto de vista. Entendo as túas inquedanzas mais eu tamén teño a miña espiña cravada. Un exemplo moi espallado: As pedras sonche rochas con nome propio e apelidos. A rocha manufacturada —“mármore” para algúns, “granito” para outros e “pedra” para a maioría— que conforma o mesado da nosa cociña, vén sendo un gneis migmatítico. A súa historia, antes de caer nas mans do home, abrangue episodios de cocemento, arrefriamento, enterramento, presións insoportables… e o máis fascinante: procesos de travestismo no chamado mundo mineral. Todo iso ao longo de centos de millóns de anos de evolución inanimada. Os termos científicos poden resultar áridos e “afear” o mundo que nos rodea segundo o sentir dalgunha xente sensible. Mais sinalar baixo un mesmo nome a rochas de tan dispares orixes, porque soa máis popular granito que gneis, ou mármore que travertino, ten moito pecado. A miña proposta de redención para estas faltas consistiría en ler en pequenas pílulas algúns textos de divulgación científica. Habelos hainos e moi accesibles. Porén coido que o problema radica na pouca consideración que se lle ten á linguaxe científica fóra dos muros dos centros de investigación. Quizais é labor dos das batas brancas —xa que os ministerios incompetentes na materia apostan por outros camiños nos currículos escolares— baixar á area e facer proselitismo desta linguaxe. Vamos, o que con menos carga radical vimos en chamar divulgación da ciencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *