Río, logo existo

Her-Spike-Jonze-SamanthaX. Ricardo Losada. Nun curso básico de Informática no IES Félix Muriel de Rianxo, o profesor mostrounos, cun orgullo incongruente (estábase a pasar ao inimigo), os compoñentes dun ordenador: placa base, disco duro, ventilador… Observeinos como se fosen órganos do home-máquina do futuro. Hai tempo que caemos na trampa. Comezamos pondo gafas e agora xa aceptamos corazóns artificiais. Algún día pensaremos con cerebros de grafeno. Recordei, con angustia, unhas declaracións de S. Wozniak, fundador de Apple: «En 40 anos teremos ordenadores conscientes, con sentimentos e personalidade propia. Coñecerán a túa alma mellor ca ninguén».

Marchei fungado daquela clase e pasei unha temporada deprimido, pensando en como sería falar co móbil, non a través do móbil. Ata que vin unha reportaxe sobre Quin Etnyre, un profesor de 13 anos dunha das universidades máis importantes do mundo. Ensina Arduino, unha plataforma que constrúe robots. Pero o neno, ademais de xenio, é un carallán. Inventou, para botarse unhas risas cos colegas, un detector de peidos: un sensor de metano que se comunica por wifi cunha gorra provista de luces. A maior potencia da flatulencia, maior intensidade luminosa.

Levan séculos os filósofos intentando saber a diferenza entre homes e animais. A razón, o traballo, a linguaxe, a arte? Xa é un problema reseso. O problema é agora qué nos diferenza das máquinas. Deixo a resposta para os expertos. Eu confórmome con pensar que a intensidade luminosa do detector de Quin nunca diferenciará se as flatulencias teñen a súa orixe nos callos ou nas fabas. Mesmo penso que a ningún robot (carecerán de infancia) se lle ocorrerá nunca crear un detector de peidos. De feito, os ordenadores actuais xogan moi ben ao xadrez, pero son incapaces de inventar un bo chiste.

Fotogramas da película Her
Fotogramas da película Her

Pero o que realmente me devolve a esperanza é imaxinar un robot con mirada acusadora taponando cos dedos o nariz, ou póndose colorado dicindo «escapóuseme». Entón boto unhas risas virtuais cos tataranetos dos meus tataranetos e, máis relaxado, decido matricularme no curso de Informática Avanzada do Félix Muriel.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *