Outra vez Cunqueiro. Un mundo de seu

o-mundo-que-teno-de-meu-9788498654776Román Arén. Hai acordo case unánime hoxe: Cunqueiro é un dos autores fundamentais da literatura galega, un clásico, e como tal ten que ser tratado. E hai tamén un acordo maioritario en que todos os seus escritos forman un macrotexto, en que todos están moi relacionados; é dicir, que o mito de Ulises non está só na súa famosa novela castelá, senón que aparece en poemas, relatos, artigos e traducións, mesmo superando os lindeiros lingüísticos, que non sempre a lingua foi unha elección libre de Cunqueiro, ao contrario, as declaracións do mindoniense ían contra o pretendido bilingüismo. Pero a situación do país, a guerra civil, a necesidade económica, condicionaron a escolla lingüística dende 1936.

   Pois se Cunqueiro é un clásico e todo o que escribiu está intimamente interrelacionado, a obra xornalística galega é parte fundamental do seu mundo creativo, que nos amosa as súas lecturas, que anuncia a súa narrativa e a súa poesía, que a comenta a miúdo e que dá claves moi importantes para comprendermos o seu macrotexto, a súa obra en marcha, non lineal esa marcha, creo, senón en espiral.

   Non deixa de ser curioso e xa moi sinalado que a obra narrativa castelá de Cunqueiro vaia, inxustamente, sendo esquecida, mentres medra a admiración pola súa obra xornalística.

  20140307130834_00001  A edición de O mundo que teño de meu por parte de Galaxia é unha gran noticia, xa que despois do Tomo IV da Obra en galego completa, aparecido en 1991, se continúa no labor compilatorio dos escritos galegos esparexidos na prensa. Pero é tamén unha frustración, unha ocasión perdida. Confeso que non entendo moi ben os criterios compilatorios. Déixanse fóra as pezas narrativas e teatrais, pero inclúese “Anacos de novela. Toñín” e mais tamén “Rúa 26. Diálogo limiar”, peciña teatral xa inclusa en Don Hamlet e outras pezas. Teatro galego completo, o que é clara contradición. Algo haberá que facer coas pezas narrativas publicadas por Cunqueiro nas revistas, se non as recollemos quedarán en terra de ninguén e serán de difícil acceso. Se noutra ocasión comentei “Never more”, agora ofrézovos “O forasteiro de dúas capas”, conto publicado en <Galicia. Revista del Centro Gallego> de Caracas en 1953, revista que reeditou o Centro Ramón Piñeiro. Pequeno conto, quizais podería pórse en relación con El caballero, la muerte y el diablo e Los siete cuentos del otoño, que son seis, pola súa brevidade e ademais porque o “narrador” é Felipe o barqueiro, e podería formar parte dunha serie máis completa de historias que Cunqueiro proxectaba co título “El descanso del barquero” e que teñen o mesmo narrador. Unha personaxe que está tamén presente nalgúns artigos como “La ceniza de Roma” (Faro de Vigo, 28-2-1963), compilado en De santos y milagros (2012): “Más de una vez he escrito de Felipe de Amancia, el barquero de Pacios, en las primeras ondas del Miño, uniendo con su barca Florinda dos orillas en las tierras bernardas de Meira….”.

 cunqueiro O volume editado por Galaxia inclúe tamén unha tradución anotada por Cunqueiro, publicada en <Vida Gallega> en 1956, “Cando as anduriñas chegan a Rodas”, pero exclúe outras moitas publicadas por Cunqueiro fóra de Faro de Vigo. Só por citar algunha “Dous poemas de Nelly Sachs”, publicada en <Grial> nº14, en 1966, co pseudónimo M. Mª Seoane. E precisamente da revista Grial, na que tanto colaborou Cunqueiro, excluíronse, cando menos, outras corenta pezas ou máis que Cunqueiro asinou como “Patricio Mar” (ou P.M.) ou “S.S.”. Varias si foran incluídas en 1991 no volume IV de Obra galega completa, e non hai agora motivo para excluílas. “O portugués de Valéry Larbaud”, “A Occitania que desperta”, “O noso cancioneiro de burlas” (con outro título), “A historia dos vikingos”, “Poesía de Fernando Pessoa”, “No centenario de Dickens”, “Lou Andréas-Salomé”: A vella dama de Gotinga” e “Bernard Shaw de actualidade”. Un futuro volume, á parte dos traballos galegos do Faro de Vigo, coa prosa cunqueiriana debería incluír “A voz de Otero Pedrayo, unha voz eterna”, “Eliot, crítico”, “Franz Hellens e Dino Buzzati”, “Sandor Petöfi e Charles Péguy”, “O graal”, “A autobiografía de John Couper Powys”, “Caillois fala das pedras”, “Literatura no país de OC” e o resto das pezas de Grial, sen esquecer as traducións de Aloysius Bertrand, “Harlem” e “O estudante de Seyden”, publicadas no “Suplemento del Sábado” de La Noche en 1949. Queda aínda moito camiño por andar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *