Competencia lingüística

no-escuchar1María Xesús Blanco. A luz solar mingua día a día e pronto sentiremos o cambio de hora como a confirmación de que o inverno está máis cerca. Mais vivimos un tempo estraño. Hai uns días tocoume viaxar durante horas cando o termómetro do automóbil non baixaba dos trinta grados. E hei de admitir que agradecín a compaña da radio –pois conducir resúltame cada vez máis tedioso– e tamén o axeitado funcionamento do aire acondicionado. Pero pronto comecei a sentir un desacougo que tiña pouco que ver con esa calor rara de outono. Ás veces cambiaba dunha emisora a outra atendendo a frecuencia adecuada en cada punto da viaxe e, como poden imaxinar, en todas o mesmo tema: Cataluña. Pero que disparidade de opinións, que perspectivas tan diferentes! E cantas chamadas ao diálogo!

Nunha tertulia de políticos de cores moi diversas falaban todos á vez, e algúns berraban ben alto. Abafada por tal miscelánea de sons inintelixibles, pasei a outro espazo radiofónico no que parecían respectar dun xeito escrupuloso a quenda de palabra, mais a conversa carecía dun fío conector que nin a presentadora era quen de enliñar. Os participantes non se escoitaban. Expoñían as súas opinións sen un ápice de empatía, como se fose un discurso preparado, sen teren en conta a exposición previa do compañeiro. Aínda así, tamén apelaban ao diálogo.

A5BVRaWCAAA1WAxE non sei se foi o parte meteorolóxico que anunciaba máis aire quente por mor dos restos dun furacán tropical, ou a sensación térmica que presaxiaba un fume de dimensións catastróficas, pechei de súpeto o volume da radio e puxen ao máximo o aire acondicionado.

Créanme se lles digo que talvez non me resista a mergullarme no outono ao abeiro dun café con xeo nin a celebrar o tradicional magosto na praia da Ladeira. Pero si me resisto, e moito, a asimilar a incompetencia lingüística e política duns gobernantes, de aquí e de acolá, que non son quen de enfiar un futuro, que é o de todos, dun xeito sosegado e construtivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *