O boghador

As Letras da Arte. Imaxe2Antonio Piñeiro. Sen arrefriar de vez aínda as faíscas da súa última obra, Che Tembra abre unha nova mostra na sala de exposicións da Sociedade Liceo de Noia. Estiven presente mentres remataban de a montar. Malia as idóneas dimensións do espazo, vin como houbo que facer arranxos de última hora para poder acoller o prolífico traballo. Os espazos adoitan sempre quedarlle curtos a este home, dada a apaixonada actividade na que sempre anda.

Galiza sempre en pé é o nome co que desta volta quixo dar a idea común dun conxunto de escenas que teñen que ver con iso: a dignidade de quen se ergue a pesar da situación, de quen se mantén a pesar da contrariedade, de quen pon en vez de opoñer. Unha denominación coma extraída, si, dunha viñeta ou dun título de Castelao. Unha denominación, ao meu parecer, afortunadísima por canto vén ser ese xogo coas palabras do libro (Sempre en Galiza) para darlle a volta nun “Galiza sempre” ao que só lle restase engadirlle o aberto peche: ese “en pé” que se nos antolla hibridado de universalismo, berro revolucionario e afouteza social.

Non desbota, Che Tembra, nin as boliñas de escoura. Unha boliña de escoura é unha bágoa, ou unha rosada do beizo ­–dicíanos mentres mirabamos un rostro de ferro, na exposición–. O chan do taller teno estrado de anacos, tiras, anllós, borros, recortes, láminas, caniñas ou follas de ferro, coma un prado metálico ou unha herba do pastar reivindicativo.

Castelao facía a súa arte para que se vise o que antes non se quixera ver: a teimosía da bondade, o heroísmo do cotián, ás veces a mágoa; sempre  –case– dende unha perspectiva doce e retranqueira. Iso recólleo tamén para si Che Tembra. Dáche unha aperta de mans coa súa man de trencha e camaradería, e sentes coma se berrase polo resto de óxido que aínda leva nela. Sentes a linguaxe do ferro, do traballo, do alentar da forxa e o repenicar do martelo; o son que en Castelao era eixada, mión, panca e fortaleza.

O boghador (así, con gheada) é unha paisaxe e mais unha viñeta costumista, homenaxe do Che a Castelao no seu nacemento. Unha íntima conversa-saúdo entre dúas mulleres rianxeiras: se é neno, un “boghador”; se sae nena, unha “pateliña”. Ambas engaiolantes por mor desa xenuína combinación entre o ferro e o episodio veciñal no que con poucas palabras queda expresada toda unha historia común: a épica dun pobo, diría eu. Aí a escola de Castelao, a poética da síntese, o carácter tan xenuinamente galego da retranca, o dicir tanto co simple saúdo, a frase breve, a palabra íntima ou a conversa recullo.

Che Tembra fixo súa esa idea. Xa o diciamos noutra anterior descrición da súa obra. Unha soldaxe que nos trae o concepto de persistencia á vez que nos sitúa diante do reloxo brando da vida. Magnífica colección. Magnífica interpretación do mestre, polo magnífico escultor barbanzán do ferro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *