Sendas de Oku, de Matsúo Basho

Sendas de OkuEme Cartea. O 21 de marzo celébrase o día mundial da poesía (e da árbore), proclamado pola UNESCO en 1999, co principal obxectivo de: “soster a diversidade dos idiomas a través da expresión poética e darlles, aos que están ameazados, a oportunidade de se expresaren nas súas respectivas comunidades”.
En Café Barbantia queremos facerlle a nosa homenaxe falando do haiku, ese poema breve (5-7-5 sílabas), que nos vén da cultura xaponesa. Debemos a Matsúo Basho (1644-1694) forma, fondura e expresividade: a breve pincelada dunha escena, unha combinación de imaxes de algo que está a suceder neste lugar, neste momento. A instantánea de algo anódino en aparencia, que vemos e nos impresiona. A captación momentánea da  evanescencia das cousas. O espírito zen.

A súa esencialidade canónica é remisa a signos de puntuación, maiúsculas, adxectivos, adverbios e metáforas; á racionalización, á abstracción, á moralización. Unha linguaxe sinxela, común e directa, concisa, evocadora e suxestiva. Describe mais tamén traduce sensacións de abraio sutís, evocadoras, que se ofrecen nunha instantánea visual e extática. A súa incompletude convoca o lector a que o signifique, descubrindo o extraordinario no ordinario.

Un haiku debe incitar, sobre todo, á reflexión afectiva e intelectiva. “Canto Cosmos!”, exclama Uxío Novoneyra diante dun destes poemas.

haiku-title-vertical-blogSe a esixencia é en si creativa, un bo haijin de haikus debe aterse ás regras, para logo, se é o caso, saber transgredilas, con intelixencia, ousadía e oficio, con respecto á súa concisión e calidade poética. Dínolo o propio Matsúo Basho: “Aprende as regras e logo esquéceas”.

Ao final da súa vida, Cézanne conformouse con pintar unhas mazás. E, para Basho, é poeta de haikus quen cree de tres a cinco na súa vida, e xa mestre se chega a dez.

En galego temos haikus de Lupe Gómez, Xoán Abeleira, Ricardo Martínez-Conde, María Villanueva, Manuel Silva, Uxío Novoneyra, Helena Villar, Marilar Aleixandre, entre outros.

Un libro? Pois recomendo: Sendas de Oku, de Matsúo Basho. Tradución de Octavio Paz e Eikichi Hayashiya. Seix Barral 1981. Diario de viaxe, poemas e narracións.

Aí vai un meu, de circunstancias, e outro de Basho:

-“vinte e un marzo / poesía e árbore / poema en flor”

-“furu-ike iá / kawazu tobikomu / mizu no oto”

(“un vello estanque / unha ra salta nel / ruído de auga”)

Un comentario en “Sendas de Oku, de Matsúo Basho

  1. Comparto ese entusiasmo polo haiku do sempre entusiasta Cartea. Aí vai un que lin con gozo o outro día (non sei se cumpre as regras): Tienda de especias / Me llevo sin pagar / todo el aroma. (Susana Benet).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *