Antón Riveiro Coello. Non hai moito estaba a ver a envolvente serie británica Broadchurch e fiquei hipnotizado pola súa impresionante banda sonora. Esta foi a maneira de chegar a Ólafur Arnalds, un polifacético músico e compositor islandés (1986) que me atrapou coas súas composicións de cámara ás que lles engade, ao estilo de Sigur Ros, elementos tecnolóxicos, instrumentais e do rock. Resulta cando menos insólito que este artista minimalista, neoclásico, se formase como batería en bandas mesmo de hardcore. A súa música ten unha transcendencia e unha fondura tan especiais que seguramente no futuro será pano de fondo de grandes películas e series.
Eulogy Evolution foi o seu primeiro traballo como solista e, dende entón, a súa progresión foi fulgurante chegando, ao meu ver, a un dos lugares máis cimeiros da súa obra co disco Found Songs, unha delicia para os sentidos. Dos seus últimos traballos destaca For Now I am Winter ou a banda sonora de Another Happy Day, de Sam Levinson.
Resulta incrible que un álbum tan perfecto como Living Room songs (2011) puidese ser composto en tan só unha semana e gravado durante sete días consecutivos, a tema por día, en directo e no seu propio apartamento. Fórmula semellante xa a probara dous anos antes con Found Songs. Precísase algo máis ca talento e inspiración para unha empresa semellante.
En fin, había tempo que unha descuberta musical non adquiría para min as formas da revelación e, desta volta, o engado desta música, que combina á perfección o piano, a corda e o son electrónico, foi total. É certo que hai algo tecnolóxico, instrumental, moi apegado ás impresións de Sigur Ros, pero a transición que Ólafur Arnalds fai da música clásica á electrónica é tan sutil que nos instala nun espazo de fusión perfecto. Nesas programacións electrónicas, onde hai notas desoladas polas que ascenden a tensión dun violonchelo ou a angustia dun violín, máis que ruptura, hai continuidade. Cada canción comeza acariñando o silencio e espállase nunha corrente de luces e sensacións. Ás veces pode parecer música pensada para acompañar imaxes, pero son estas as que xorden de dentro. Hai unha forza poética en cada pulsión, en cada avance, e flotamos no espazo, levitantes, nunha viaxe substancial que nos fai virar cara a nós mesmos, nunha introspección coa que apalpamos o baleiro e a certeza de que esta música, sublime, suxestiva, é unha perfecta prolongación do silencio.