
X. Ricardo Losada. Acaban de chegar ás librerías alemás os cadernos completos do filósofo Martin Heidegger. Ao parecer, confirman ese seu antisemitismo que tanta polémica ten creado. Os partidarios de Heidegger argumentan que a proba máis evidente de que non o era é o romance que tivo coa antiga alumna súa Hannah Arendt, filósofa xudía. Os críticos, que a proba máis evidente de que o era é que, sendo reitor, consentiu que se lle prohibise a entrada na universidade de Friburgo ao seu vello mestre Edmund Husserl, filósofo xudeu. Debo recoñecer que son bastante escéptico sobre a posibilidade de resolver ese tipo de dilemas. É tan crible que Heidegger tivese unha relación con Arendt porque non tiña ningún prexuízo antisemita, como que os tivese e se deitase con ela porque tiña 17 anos e el 35. Tamén é tan crible que lle prohibise a entrada a Husserl porque era antisemita, como para evitarlle os insultos nazis.
É un escepticismo que me confirma Miguel-Anxo Murado no extraordinario primeiro capítulo do seu libro La invención del pasado. Mágoa que o seu contido non poida converterse nunha substancia aditiva inxectable en vea con dirección ás áreas máis primitivas do cerebro. O mundo sería máis civilizado. Non pensedes que Murado descobre a pólvora. Limítase a dicir sobre a historia que un máis un é igual a dous. Coas súas palabras: “O pasado non é a explicación do presente, é a súa xustificación”. Ou: “O resultado é que a historia (…) é máis un comentario sobre si mesma que sobre a realidade que pretende describir”. Evidente, pero, precisamente por iso, condenado ao ostracismo. O mundo académico despreza a mecánica clásica (1+1=2) e prefire a mecánica cuántica ( 1+1= n+1, sendo n calquera número menos o 1). Permitide, dada a dificultade dos conceptos cuánticos, que poña un exemplo moi simple. Se collemos unha gota de auga e a unimos a outra gota de auga, non dá dúas gotas de auga, dá (1+1=1) unha gota maior. Apliquemos o resultado ao tema que nos ocupa. Nunha primeira etapa, Arendt amaba tanto a Heidegger, e Heidegger admiraba tanto a Husserl (identificación, chámano os psicanalistas) que pode dicirse que eran un (1+1=1). Nunha segunda etapa, Heidegger e Arendt, Heidegger e Husserl, odiábanse tanto que pode dicirse que eran un cero á esquerda. (1+1=0).
E a cousa non queda aí. Os últimos avances neurolóxicos sobre a identidade persoal mostran que os seres humanos non temos unha personalidade, senón múltiples. Múltiples Heideggers máis múltiples Arendts, múltiples Heideggers máis múltiples Husserls igual a… Cada polemista fará o seu cálculo.