Escravos no século XXI

BD2C11F7_21346Francisco Ant. Vidal Blanco. Non nos imos escandalizar por dicir que en pleno século XXI, o século da globalización, do intercambio multirracial e multicultural, cando desde a parte opulenta do globo non cansan de proclamar a súa boa fe para con aqueles que non están no mellor dos mundos, a escravitude existe. E non é esa escravitude das fábricas de roupa que meten ós operarios en galpóns pechados a traballar dezaseis horas diarias por unha miseria, nin a dos que aquí mesmo, a dous quilómetros da casa, nos fan asinar contratos de dúas horas para traballar dez, senón escravos como os dos mellores tempos da escravitude, con grillóns e látego, con poxas ó mellor ofertante en prezos que oscilan dos sesenta a algúns centos de euros, dependendo da dentame do poxado.
Non nos imos escandalizar porque iso está pasando en Libia, nese país liberado do opresor segundo as conciencias tranquilas de Wall Street, a onde os subsaharianos que chegan con intención de cruzar as turbulentas augas do Mediterráneo camiño do benestar tras pagar verdadeiras fortunas, son vendidos á vista de todos en prazas públicas como se se tratase do gando dunha feira, dependendo sempre das posibilidades que o comprador lle vexa. Persoas que, na maioría das veces xa desembolsaron por adiantado o prezo desa pasaxe en caiuco que non van acadar, e na maioría das veces ata sen poder ver o mar, porque fican en cidades como Sabha, na porta do deserto, á ventura do que decidan as mafias que trafican con eles sen portar polo uso que lles van dar compradores sen escrúpulos, quen, en moitos casos, mentres os fan traballar sen salario, obríganos a chamar ás súas familias, nos países de orixe, para pedir un rescate, o prezo da súa manumisión mentres sofren todo tipo de torturas. E aínda conseguindo o diñeiro do rescate, non sempre son liberados porque a cobiza do novo amo tanto pode esixir máis diñeiro, se ve posibilidades, como revendelo a outro tratante como se dun coche vello se tratase. No mellor dos casos o liberado só poderá retornar á súa casa; iso si, moito máis pobre, e moito máis aldraxado do que saíu.

isDisto fixéronse eco todos os medios despois de que a CNN retransmitira unha desas poxas en directo; pero como se nada, como se non fose con nós, porque esas cousas só pasan aló entre os negriños ós que as garabatas de occidente lle recomendan resignación, nese país onde non hai moitos anos entraron os exércitos de liberación para derrocar ó ditador, proclamar ós catro ventos que liberaran ós libios da barbarie dun sátrapa, e marcharon logo deixando todo patas arriba, con pelexas de herdeiros sen avogado de por medio, coa hipócrita desculpa de non interferir no seu goberno, o que significa, nin máis nin menos, que deixaban o país en mans das bandas que, como agora estamos vendo en retransmisión vía satélite, cometen todo tipo de atrocidades contra os mendicantes de dignidade.

Un comentario en “Escravos no século XXI

  1. Fuerte y duro lo que has escrito, Francisco, pero real, porque es la vida misma la que describes. “Pocas o ninguna vez se cumple con la ambición que no sea con daño de tercero”. Y todos tenemos parte de culpa, porque de esos mal pagados operarios de galpón salen las zapatillas y ropa de esa marca que pagamos a precio de oro y que atrae a tanta gente como los cantos de las sirenas que atraían a los hombres para acabar con ellos, y no nos paramos a pensar que esas “sirenas” son las de las fábricas donde trabajan esas personas las dieciséis horas diarias.
    Y sobre esas conciencias tranquilas que mencionas, no recuerdo quién decía que el epicentro de todos los terremotos no naturales, se halla en Wall Street.
    Besiños palmeiráns, vecino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *