Sonenses na seitura en Castela

As condicións de traballo eran moi duras, soportando unha calor extrema sen escatimar esforzos
As condicións de traballo eran moi duras, soportando unha calor extrema sen escatimar esforzos

Manuel Mariño del Río. Durante o século XVIII a emigración temporal a Castela dos habitantes de Porto do Son foi moi importante. Os segadores organizá-banse en cuadrillas, guiados por un xefe ou maioral, que era un segador con experiencia. Uns días antes da partida, este organizaba cos veciños da parroquia os detalles da viaxe. Camiñaban a pé, con intención de gañar uns cartos que lles axudasen a mellorar a súa precaria situación económica, satisfacer débedas pendentes de pago ou mercar algunhas terras.

Ficaban en Castela durante un mes, ou máis se quedaban para axudar noutros labores do campo, como a recollida de garavanzos, lentellas e outros legumes. Mesmo había quen agardaba á vendima ou á recollida da remolacha.

O capataz podía levar un cabalo que facilitaba o transporte das ferramentas para a sega, roupas e provisións para a viaxe. O grupo completábase cun equipo de segadores e algúns rapaces que facían os traballos máis doados como atar o cereal, recoller restroballos e carrexar auga ou alimentos.

O resto dos homes levaban tanto roupa, calzado e algo de comida nun fardo, como fouces, protectores -xeralmente de coiro- e a pedra de afiar gardada nunha funda ou nun corno de vaca. Na viaxe levaban poucos cartos polo que a miúdo pedían prestado a outro acompañante ou ao propio capataz que logo llelo descontaba do seu xornal.

Ruta norte

Para chegaren aos lugares de sega empregaban unha ruta norte atravesando a provincia de León e outra ruta sur, internándose en Zamora para logo continuar cara a Salamanca e ao resto de Castela.

A partir de 1883 xa empregaron o tren que unía Madrid e A Coruña, e anos despois, autobuses e camións, sempre procurando o medio de transporte máis barato que, a súa vez, era o máis incómodo.

As condicións de traballo eran moi duras, sen comodidades, soportando unha calor extrema, sen escatimar esforzos para acadar maiores ingresos. Nos días de lúa chea mesmo aproveitaban a claridade para seguir segando; por iso non é de estrañar que na zona de Arévalo (Ávila) a lúa chea no tempo da recolleita se coñecese como «lúa mata galegos».

Para valorar a importancia desta salientable emigración a Castela abonda con botar unha ollada ás referencias que a ela se atopan nos libros de rexistros parroquiais. No Libro de Defuntos (1700-1793) da parroquia de Baroña aparecen anotacións nas partidas de defunción de oito veciños desta parroquia que morreron en Castela, durante a viaxe e outros dous que tiveron que volver precipitadamente polo falecemento dalgún familiar.

Outra anotación

Outra valiosa anotación aparece reflectida nas constitucións da Confraría de San Roque en 1721 na mesma freguesía. Alí, na número 8 referente á celebración da festa do santo, indicábase que se elixiu o último de setembro ao non poder celebrarse o 16 de agosto por «no poder juntarse sacerdotes para la zelebridad de ella y ademas la mayor parte de los ermanos allarse en aquel tiempo en (Castilla) a las siegas».

Por último, o ano 1750 no Libro da Confraría de San Miguel e Santo Anxo da Garda durante a visita pastoral do arcebispo Cayetano Gil Taboada fíxose mención ás contas dos tres anos anteriores que non estaban ao día porque os mordomos encargados estaban ausentes en Castela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *