Os nomes da violencia

matalobosFrancisco Ant. Vidal Blanco. Un asasino que despois se quita a vida non queda eximido de culpa. Unha vez máis, neste tipo de violencia demóstrase que a orde dos factores si altera o resultado. E non hai desculpa para tales actos, sen embargo, aínda se escoitan algunhas voces que tratan de xustificar esas actitudes. Hai uns días, contábanme da exesposa dun maltratador con orde de distanciamento, que cadrou a pasar preto do lugar onde el estaba, e chamou á policía para denunciar que o tiña a menos de cincocentos metros por se iso era constitutivo de delito, ou outro que se desesperaba cada vez que tiña que pasarlle a pensión ós fillos, porque segundo el só servía para que a súa ex vivise a corpo de rei. O odio do desamor é tan grande de parte a parte que non sei se haberá algún outro que o supere. Unha violencia que vai máis aló dos nomes e apelidos, para deixar na lembranza alcumes que perduran na memoria.

Este buscador de historias coñece bastantes conflitos que se agocharon por medo ó escándalo, ou que se calaban porque unha muller á fin sempre levaba as de perder, e só se sentía amparada e socorrida por algunha veciña que a acollía naqueles duros momentos. Estou seguro de que non fai falta facer moita memoria para que calquera lector desta páxina lembre algún caso que non saíu na prensa, simplemente porque non houbo morte, porque a morte se tapou, ou porque só se saldou cunha somanta que deixou eivada á vítima.

maltratoA violencia sempre estivo aí e sempre foi a muller quen cargou coa peor parte; moitas veces unha esposa que só exerceu de nai dos fillos e de escrava do marido, escrava con todas as da lei; e que incluso se xustificaba con aquela frase tan despreciativa como: «É para o único que vale», cando non eran os familiares e veciños os que xustificaban o maltrato con aquel: «É que ela non lle calou», como se a culpa fose dunha palabra, e non do mal xenio, do desprezo e da desconsideración de quen ten que impoñer o seu criterio con covarde mala intención para sentirse dono e amo.

Para saber da longa sombra do maltrato e da violencia só hai que lembrar algún dos alcumes que se conservan por aí adiante, e todos podedes imaxinar de onde mana aquel «fende-conas» que escoitei no Salnés ou «corta-tetas» na bisbarra de Trives. Dous alcumes con claras referencias sexuais que só denotan as causas do odio do alcumado, cara onde apuntou a súa ira. Á fin tamén os alcumes son un retrato da persoa e da súa contorna.

Nun lugar de Costa da Morte coñecín a unha muller á que lle faltaba un ollo e todos a coñecían por A Chosca do Chicote. Preguntando pola causa de tal alcume souben que aquela encontrou en certa ocasión ó esposo bébedo e sen portar por nada polo que ela o recriminou, «Non tes dignidade», pois que sendo a hora de saír para o mar el ficaba sen portar por nada. E daquela el, ofendido, botou man dunha corda e mallou nela ata que lle sacou un ollo. Logo, cando a muller apareceu cun parche no oco, foi cando lle chamaron A Chosca do Chicote, como podían chamarlle A Chosca de Xan, que sería máis acertado e clarificador. E o médico que a atendeu non deu parte, porque daquela os cativos quedaban sen un pai que os mantivese.

2 comentarios en “Os nomes da violencia

  1. ¡Mucho tenían que aguantar bastantes mujeres tiempos atrás! Por suerte hoy han cambiado las tornas -en parte porque la mujer no tiene la misma dependencia económica del hombre que antaño- aunque no del todo, a la vista del maltrato machista que vamos conociendo a través de los medios de información.
    Lo triste es que -como muy bien expresas en tu denuncia- la mujer se sentía acreedora del maltrato.
    Me parece importante tu artículo y -por desgracia- de plena actualidad.
    Boas noites, paisano.

  2. Querido Francisco: hay una frase de Jean de la Bruyére que reza así: – ” Hay hombres que emplean la primera parte de su vida en hacer la otra parte miserable”.
    Creo que es una frase muy acertada para tu acertado comentario.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>