Galicia e os galegos na poesía castelá LXXVII. O Licenciado Molina

Portada_Descripcion_del_Reyno_de_GaliziaRomán Arén. Durante séculos case nada se sabía da biografía do autor de Descripción del Reino de Galicia y de las cosas notables en él (Mondoñedo, 1551), agás que era licenciado e non galego. Hoxe sabemos algo máis: cóengo en Mondoñedo, de orixe malagueña, ocupou cargos de importancia e en 1550 era Xuíz do Fuero. Morreu entre 1572 e 1577, pois neste ano xa non figuraba nas actas do Cabido mindoniense. É un firme defensor e descritor das nosas cousas e só no caso do galego é ambiguo. A obra está escrita en 130 octavas de versos dodecasílabos; 118 levan unha glosa en prosa. Reeditada varias veces, hoxe conta con tradución galega a cargo de J. P. Ferrero (Noia, Toxosoutos/Orbigo, 2003). Eu cito en castelán e escollo unha octava sobre o Barbanza.

Luego es Rianjo y sin más mirar/ la villa bien noble y antigua de Noya/ sentadas en un llano que es casi una boya/ de buenos navíos se suelen labrar/ aquestos en Muros se acaban de armar/ un puerto cercano detrás duna sierra/ gente que aviendo bollicio de guerra/ se muestra bien diestra y ardid en la mar.

Pero o prexuízo contra Galicia do Século de Ouro, o XVII, estaba xa moi presente no XVI, e por iso escribe Molina:

Por eso Galizia la harta y la plena/ te deven tocar como Sancto Thomás/ para juzgarte de mala o buena/ no esto lisonja ni a tal cosa suena…

É dicir, os que falaban mal do noso país, na inmensa maioría, non o coñecían, tocaban de “oídas”.

É moi consciente diso Molina, por iso:

Hablan de Galicia y a quien la sublima/ allá en otras partes por burla se toma…

Sobre o galego, nunha glosa, falando de Compostela, escribe Molina: “… por la ciudad de Compostela do está el glorioso Apóstol que esto sólo bastaba para hablar de este pueblo, el cual es poblado de gente noble y rica; parece estar fundada en lo bueno de Castilla y aun la lengua gallega no permanece aquí mucho…”. Tómense con reserva quer a riqueza de Compostela, quer a escasa presenza do galego, pois Molina fala dos ricos, non da plebe.

Nun país que tiña fama de inculto, con homes de baixa estatura, Molina tiña fama de sabio e de anano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *