Francisco Ant. Vidal Blanco. Di Xulio que hai certas semellanzas entre aqueles escravistas doutro tempo e certos donos de animais (cando son amos e non protecto-res), que asemade teñen as mascotas para adorno, ofensa ou xoguete, e non para redi-milas dun mal estar ou para usar os benefi-cios que aportan sen abuso nin imposición; escravistas que, cando xa non lles cumpren as súas expectativas, xubílanas para que outros as aturen, abandónanas lonxe da casa ou sacrifícanas coa hipócrita desculpa de evitarlle unha longa agonía.
Di Xulio que se facía necesario lexislar en pro desta especie de escravos multiservizo, destes animais convertidos en damas de compañía, obxecto de ornamento ou submiso recadeiro, pero tamén matón descontrolado ou caprichoso abusón segundo o gusto do seu amo, porque as mascotas aínda non foron liberadas da escravitude, e por unha galleta que lles dá diarrea son quen de lamber o chan que o seu amo pisa e cando non o fan son zorregadas ata a extenuación.
Porque, segundo Xulio, isto de outorgar roles impropios, anque o chamen adestramento, mansedume ou educación, con larpeirada de por medio, vén sendo o mesmo que impoñer condicións, con premio ou castigo segundo o caso. Artimañas de mal amo. E que alguén teña un caniche para recibir mimos, non significa que teña dereito a darlle unha vareada cando non se amosa submiso ou non vaia correndo a recoller a pelota que lle botamos entre as silvas. Escoller un can pola raza e logo adulterar a súa forma física a base de bisturí ou macheta non é tratar ben ó animal, e deixar que o can faga as súas necesidades en plena beirarrúa ou moleste a tranquilidade dos transeúntes é tratar mal ós teus conxéneres. Pero tamén -segue opinando Xulio-, tourear a un boi bravo, cravarlle ferros e facer con el un espectáculo de sangue e tortura é moito máis punible ca meter a un león nunha gaiola ou facer danzar a un elefante sobre unha banqueta. E sen embargo esta lei, que se di tan xusta, non di nada en defensa dos touros nin contra as touradas. Porque se ben son moi humanitarias ou animalarias, ou como se diga, moitas das cousas que nesta lei se propoñen, as touradas, as torturas máis macabras que se fan hoxe en día no mundo, seguen impunes. Que por certo, neste noso país, agás contadas ocasións, non teñen grande éxito nin sequera para velas por televisión. Un espectáculo indigno de calquera pobo que se diga civilizado.