As Santas Migrantes

As Santas MigrantesPilar Sampedro. Luz Darriba acaba de participar na derradeira sesión do programa “Temos unha peza” no Museo do Pobo Galego. Este programa no que teñen participado Suso de Toro, Pepe Carreiro, Sés, Tareixa Navaza, Jorge Mira, Encarna Otero, Roberto Leal, Rubén Aramburu, Lidia Senra, Elena Ferro… remata con esta artista o seu especial percorrido pola colección do Museo con motivo do seu corenta aniversario. A ar-tista multidisciplinar, uruguaia e galega, é un referente en canto ao tratamento da muller dentro do campo da arte. Entre as súas intervencións públicas destacan Patchwork, Retales contra a violencia de xénero (unha alfombra de 8000 metros cadrados realizada in situ por centos de persoas na compostelá Praza do Obradoiro para denunciar a violencia de xénero), Guante negro, guante blanco (instalación de trinta mil pares de luvas negras e brancas na Praza da Catedral de Santa María de Lugo, para denunciar a existencia da violencia física e a violencia simbólica que se exerce contra as mulleres), ou SINAIS / SEÑALES (en Lugo e Bos Aires​ incorporando a figura feminina aos semáforos).

Luz Darriba recoñecida especialmente polas macroaccións urbanas (quizás a máis famosa sexa a realizada rodeando os 2300 metros de perímetro da muralla romana de Lugo con máis de medio millón de libros –para que este monumento fose declarado patrimonio da humanidade pola UNESCO– e recibiu o nome de Cumulum) escolleu o claustro do Museo como peza sobre a que actuar; di que o fixo pola carga de pedra e pegadas do tempo, un mosteiro beneditino convertido en museo do pobo no que mostrar o que fomos como país e o que estamos a ser. Certamente, o claustro é un bo lugar polo que camiñar meditando nos tempos de monxes e onde facelo hoxe, observando as pezas que se van xuntando e falan de nós, igual que a intervención de Luz Darriba. Unha intervención que leva o nome de Santas Migrantes e consiste nuns escapularios nos que van as fotos de mulleres que nun momento ou noutro tiveron que deixar o seu fogar, a súa terra, para buscar outras onde sobrevivir, mulleres que se foron soas… unhas valentes esquecidas na Historia pola historia dos heroes. Mulleres que ben poderían formar parte dun santuario laico no que se valorara o esforzo e sacrificio, a coraxe e o valor que aínda hoxe nos sobrecolle se pensamos nos medios nos que ían, con que referencias e información, con que apoio; mulleres ás que ninguén preparara para o que as agardaba máis alá de mares e fronteiras.

Acompañou a exposición cunha documentación en vídeo e carteis titulada “Marcas na pel do papel” realizada en Bos Aires con mulleres da diáspora galega. Entrevistas e traballo de memoria no que elas recollen retallos de imaxes e palabras, historias que nos estremecen polo que din do país de onde marchan (coa nostalxia que as vai acompañar sempre, porque como escribiu Avilés “Non hai regreso avoa,/ nunca / regresa o mesmo home / ao mesmo sitio”) pero tamén das ilusións que levan prendidas de escapularios que como amuletos deben protexelas dos perigos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *