Se pedra na brétema, fraxilidade do existir

andel pedraRomán Arén. Ramón Blanco (Outes, 1979) vén de consolidar a traxectoria poética –que iniciara con Orfeu en soños no ano 2005 co premio Eusebio Lorenzo Baleirón de Poesía 2016– con este poemario editado por Chan da Pólvora. Se o título é indicativo do contido e do ton da obra, un resumo das súas tensións principais, o lector sente a tentación de identificar o símbolo pedra coa firmeza, coa afouteza, coa seguridade; a brétema identificámola co impreciso, coa inseguridade, coa tristeza, co pathos, coa fraxilidade do existir. E xusto o campo semántico da brétema e os seus sinónimos (néboa, bruma, nebra) é o que domina a obra, o que dá conta, dun xeito depurado, da nosa febleza, da dificultade de expresar o que somos, tempo que esvara (“Era un froito / agre na boca / a palabra”). Fugacidade da vida, fonda sensación de perda, elexía polo que se converte en cinza, fronte aos breves pirilampos de luz. A voz poética mantén a unidade co desexo de que “a literatura debería ardernos nos ollos”. Pathos e cultura, un esperar os vagalumes fuxidíos nas tebras. Poesía culturalista pero depurada do accesorio na procura da autenticidade do ser humano: “Non somos nós non / son as horas mortas / ou nós”. Un paso adiante de Ramón Blanco para lograr unha voz propia, máis pura e máis fonda. “Non hai palabras se non foron antes / na néboa escrita / pétrea / pedra bretemosa / do meu idioma”.

Se pedra na brétema

Betanzos, Chan da Pólvora, Col. Elba, 2017, 65 pp.

Poesía

Un comentario en “Se pedra na brétema, fraxilidade do existir

  1. Dicen que, el artista es mediocre cuando razona en vez de sentir. Este artista, siente.
    (“Era un froito/ agre na boca / a palabra” ). Precioso.
    Saludos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *