Galicia e os galegos na poesía castelá LXXXI. José García Nieto

garcia-nietoRomán Arén. José García Nieto (1914-2001) ten a desgraza de ser identificado só como poeta neoclásico, o representante por excelencia da revista <Garcilaso> e un poeta frío e formalista, pero a súa extensa obra, sempre de gran corrección, é máis ca iso, con máis matices, pero aínda así lese pouco e mal. Asturiano, membro da RAE en 1983, o seu legado literario consérvase en Padrón. Comezou como poeta con Víspera hacia ti (1940) e Tú y yo sobre la tierra (1944), para nos cincuenta editar Tregua (1951), La red (1955) e Geografía es amor (1957), pero aínda publicou libros importantes en 1978, Los cristales fingidos, e en 1980, El arrabal.

En Geografía es amor está Galicia e está Rosalía:

La lluvia, Rosalía… Tú ya sabes/ que el campo de Galicia tiene puertas/ y las gotas del agua son sus llaves;/ que no hay vallas más altas ni más ciertas/ que estos lienzos sutiles del orvallo/ ni hay ciudades del aire más desiertas.

En 1969 escribía: “Galicia que la mano de Dios hizo”. Amigo de Cela e de Montes, estivo moi relacionado cun importante poeta galego, Prado Nogueira, ao que dedicou a elexía “A José Luis Prado Nogueira, cuarenta años después”, publicada en Memorias y compromisos (1997).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *