Unha estreliña forxada na irmandá (I)

Imaxe para café barbantia. IPilar Sampedro. “Prendinlle na cabeza do meu fillo, unha estreliña forxada na irmandá e quero ver brilar a lus d´esa estreliña hasta chegar cegar. Que vexan os demais n´esa estreliña a lus da libertá, que vexan que o tesouro máis querido o ten o seu brilar. Estreliña feituca de cariños, estrela do meu lar, que sempre te levei como reliquia de Terra, Dios e Nai, xa te deixo prendida no meu fillo por sempre endexamais”.

Así se despedía, desde a cadea, Camilo Díaz Valiño do seu fillo Isaac Díaz Pardo, un dos homes máis comprometidos coa Galicia do século XX, posterior ao Golpe de Estado. Alguén se preguntará por esta afirmación, que debemos argumentar a base de preguntas:

Quen creou unha empresa cultural como Sargadelos – O Castro que definiron o noso ser diante do mundo? Quen deseñou unha vaixela que estaría nas mesas recordando a dignidade que tiña que ser nosa? Quen aproveitou as ganancias desa empresa de louza para poñer e marcha unha editorial na que publicar, ademais de moitas outras cousas imprescindibles, a memoria histórica borrada pola Ditadura? Quen puxo en pé o Seminario de Formas para continuar labores como a do Seminario de Estudos Galegos? Quen estableceu o vínculo coa Galicia exiliada e creou un lugar ao que volver onde os agardou e deu acubillo? Quen nos fixo sentir que tiñamos unha Bauhaus? Quen tentou crear medios de comunicación galegos ata o punto de construír o IGI? Quen foi o arquitecto que recoñecemos en tantos edificios artellados arredor dunha escaleira (como dicía Freixanes)? Quen foi o ceramista de pezas que retrataron a historia e personaxes galegos? Quen o deseñador de exposicións, caixas e papeis de embalar que recoñeciamos en calquera lugar do mundo? Quen o pintor cos ollos abertos para toda a eternidade? Quen o creador dun sistema empresarial que derivaba as ganancias a unha cultura que só daba perdas pero era necesaria? Quen o organizador dun sistema de tendas de cerámica con libraría, sala de exposicións e núcleo no que establecer un programa cultural? Quen o supervisor comisario de exposicións nas que contar o que non se sabía? Quen o que puxo en marcha o primeiro Museo Contemporáneo de Galicia co nome de Carlos Maside?… e tantas outras cousas.

É ben certo que con el estaba Seoane, pero tamén o é que el representaba o exilio interno e o enlace co exterior. Nas tendas de Sargadelos estaban eles, os que chegaban de fóra e poucos ou ninguén recoñecía (Lorenzo Varela, Blanco Amor, Neira Vilas e Anisia…) e os de aquí que atopaban alí o seu refuxio (Beiras e Novoneyra eran facianas presentes en moitos momentos).

Por iso, arredor do 5 de xaneiro lembramos a Díaz Pardo. É a Real Academia Díaz Castro (que o peor que ten é o nome) quen nos convoca a visitar a tumba en Boisaca onde unhas pombas se abren ao ceo sempre chuvioso. A lápida de pedra vaise enchendo de flores e mazás que lembran o poema de Lorenzo Varela “Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados”, que en dous versos chama “o día que vos poda levar á sepultura / unha cesta de pombas e mazás”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *