¿Hai librarías en Nixeria?

BF17E16F1_201438Francisco Ant. Vidal Blanco. É unha condición propia de camanduleiros pensar que todos os pobres son analfabetos, que os oficios teñen categoría en relación ó salario percibido ou que todos os inferiores son xente sen alma. Unha actitude tan arcaica que máis ben parece propia do pensamento de Juan Ginés de Sepúlveda, aquel sacerdote que discutía no século XVI con Bartolomé de las Casas asegurando que os indios eran pouco máis ca animais de carga.

No edificio do lado vive un negro. Un mozo que traballa en algo da construción, con quen me saúdo todos os días desde que en certa ocasión coincidimos na cafetería do barrio e discutimos sobre un gol que non foi e el defendía. Hoxe deume por pensar como empezaría el este parágrafo: «No edificio do lado vive un branco». Non, non soa tan pexorativo. Pero o que máis me preocupa, máis aínda que chamarlle negro, negriño ou niger é o pouco que sei del e da súa vida. En comparación, eu son un ignorante ó seu lado, ó lado de quen sabe sobre o meu país moito máis do que eu do seu. Ou peor aínda, do pouco que me molesto por saber del, como se este veciño fose menos importante ca un nórdico que vive de rendas. Á fin este mozo está cotizando para que non quebre a caixa das pensións.

Por non saber non sei de onde é, se chegou en patera ou en avión, se ten estudios, a que se dedicaban os seus país, se ten familia ou non, aquí ou aló. Véxoo como unha nota de cor na barra da cafetería, a pesares de que son consciente de que detrás del hai toda unha vida, unhas arelas tan duras, lícitas e importantes como as de tantos familiares meus que viviron noutros países para que a familia que quedaba na terra puidese levar unha vida digna. Familiares que me teñen contado de profesores americanos tan incultos que pensan que a península ibérica cadra en África ou que nunca oíron falar de Leinchestein nin de Andorra.

Estoutro día a escritora nixeriana Chimamanda Ngozi sentiuse ofendida durante unha entrevista en Francia, diante dunha nutrida audiencia, na que a entrevistadora lle preguntou (seguramente con retórica) se en Nixeria había librarías. A escritora, con moita calma veu a responderlle que con aquela pregunta xa se decataba da pobre idea que os franceses (eu diría os europeos) teñen do seu país, que o ven como algo diferente e só coñecen os casos de violencia ou os actos terroristas de Boko Haram.

African_migrantsChimamanda, que é unha autora nova (40 anos) cun currículo impresionante, tivo que explicarlle que ela escribe para os nixerianos en razón das súas vivencias, e os nixerianos len os seus libros, aínda que tamén está moi agradecida de que a súa obra sexa traducida e lida en todo o mundo. Tivo que explicarlle que alí, no corazón de África, hai librarías como no resto dos países, aínda que, desgraciadamente, igual ca en Europa e América, as librarías non están pasando polo mellor momento. Lamentouse de que en pleno 2018, con Internet e toda a rede de interconexión mundial existente, alguén teña que preguntar algo así, o que denota o pouco que o norte se molesta por saber do sur.

Un comentario en “¿Hai librarías en Nixeria?

  1. Buenos días, querido Francisco:
    Ahora, al leerte, me acordé de un dato que me llamó mucho la atención y lo apunté. Lo tengo anotado desde la década de los 90, y era esta la reseña: “Sólo en Nigeria hay 36 universidades”.
    Y acabo con algo que leí en una ocasión en una pared:
    Jesucristo era judío, la pizza es italiana, el coche que llevas es japonés, el idioma que hablas es latino, los números que utilizas son árabes ¿ y aún dices que tus vecinos son extranjeros ?
    Hay una canción cantada por Rafael Amor que se llama -No me llames extranjero- que es una preciosidad. Si puedes escúchala.
    Besiños desde nuestra Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *