A lingua orixinaria

presenzaRomán Arén. Obra póstuma de Anxo A. Rei Ballesteros, unha reflexión sobre o ser da literatura a partir do clásico de Blanchot O espazo literario. A literatura como o instante que nos devolve a nada, a ausencia orixinaria, un intre de morte e baleiramento para enfrontarnos ao caos, para mirar o abismo, a loucura luminosa, a vella folie de Baudelaire. Unha obra inacabada, que adianta o que logo sería en 2003 Tempo e vinganza.

A pregunta clave é o ser da literatura, que para Blanchot e Rei Ballesteros sería a linguaxe orixinaria anterior á verdade e á mentira, xa que ser e nada son o mesmo, a ausencia de toda determinación. rei siroA literatura sería como o murmurio do ser, pero ser e nada son o mesmo. Así a linguaxe é núa e só transforma o que non pode definirse, a linguaxe é escrita, documento e memoria, por iso a obra e o libro non coinciden nunca.

A obra é anónima, é a ausencia común que forma a Biblioteca Universal, a obra só dialoga con outras obras. Un esencialismo no que a literatura é palabra sacrificial, soberana, historia de si mesmo, espectro da ausencia orixinaria, lonxe de todo uso utilitario. O escritor é para a morte, non para o mundo. Os libros falan de literatura e a literatura de si mesma, xa que é o ser baixo forma de escrita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *