Pedro García Vidal. Foi a crítica de Alberto Mengual no diario El País quen me puxo na pista deste delicioso libro que permitiu aproximarme á traxectoria vital extraordinaria do home que librou a humanidade do azoute da peste. Patrick Deville, viaxeiro e escritor francés, elixe o seu heroe para protagonizar a novela. O escritor saca da desmemoria un auténtico tesouro, rescata un esquecido das crónicas oficiais, seguramente un dos máis asombrosos, máis admirables, e máis merecedores da fama como é o suízo Alexandre Yersin, científico e aventureiro.
Peste & Cólera é a narración dunha apaixonante aventura científica e humana. Pero tamén a través da longa vida de A. Yersin, Deville narra un século de descubrimentos científicos, de guerras franco-alemás, de colonización. Para iso, cita as cartas que Yersin enviara á súa nai e aos seus amigos que se acompañan de comentarios e precisións cos que Yersin vai construíndo unha extraordinaria biografía dun home que sempre tentou gobernar a súa existencia en solitario.
Estamos ante o descubridor e vencedor do bacilo da peste (yersinius pestis, na súa honra), un heroe discreto, con paixón polas viaxes e unha insaciable curiosidade. Yersin sempre ten que sabelo todo. É máis forte ca el. Por iso abandona Suíza por Alemaña, o Instituto Pasteur polas Mensaxerías Marítimas, a medicina pola etnoloxía, e esta pola agricultura e a arboricultura. Faise en Indochina un aventureiro da bacterioloxía, un explorador e un cartógrafo. Navega mares apenas explorados, mestúrase con tribos nativas tachadas de salvaxes polos europeos, íllase do mundo. Así vai ser testemuña e actor no infame mundo do colonialismo europeo, pero tamén actor e testemuña no mundo da experimentación médica.
Neste libro, Patrick Deville recrea toda a vida de Yersin: os seus caprichos e os seus inventos, a horticultura, a cría de gando, a mecánica e a física, a electricidade e a astronomía, a aviación e a fotografía. Como se converteu no rei do caucho e da química, e como chegou a pé dende Nha Trang ata o Mekong e logo a Phnom Penh, para vivir finalmente cincuenta anos nunha aldea ao bordo do mar de China. Alí, con oitenta anos, este home interesado por todo, morre fronte ao mar tentando comprender o misterio das mareas.
Ao ler a biografía de A.Yersin, un séntese empequenecer e non entende como unha persoa como esta pode quedar esquecida. Grazas a escritores como Patrick Deville persoas como Yersin, o home que librou a humanidade da peste bubónica que levara por diante millóns de seres humanos, van estar na Historia.