Amigos virtuais

amistad_por_la_NetX. Ricardo Losada. Hai anos que levo aguantando que me chamen pedante por considerar amigos meus, entre moitos outros, a Platón, Maquiavelo, Schopenhauer ou Wittgenstein. Nunca me afectou máis alá de sentirme incómodo cando mo chaman en público, pois ese tipo de acusacións alían a todo o mundo contra ti. Aínda así, nunca renunciei a esas amizades. Como diría Updike, todos temos cordas que outros deben pulsar, e eu non teño culpa de que algunhas das miñas (non as máis importantes, iso si me preocuparía) resoen coa voz dos filósofos.

     Digo amizades en serio, pois, para min, amigo é quen me conta as súas confidencias e está disposto a oír as miñas. Supoño que é máis fácil crer a primeira parte (os amigos librescos cóntanme) que a segunda (escóitanme), pero iso só lles pasará a quen teñen a desgraza de ler para evadirse dos problemas, é dicir, de si mesmos. Os bos lectores saben que un non le para escoitar os problemas e as opinións dos demais, senón para contar, por contraste ou por identificación, os seus propios problemas e opinións. En primeiro lugar, ao autor do libro, que, se tes o oído ben educado, respóndeche, claro que che responde, mesmo te insulta. Nietzsche, por exemplo, adoita chamarme escravo, Marx, burgués, e Freud, inconsciente. Os bos amigos son así: saben ser inimigos. En segundo lugar, dialogas contigo mesmo, moitas veces levándote a contraria e dándolle a razón a ese que te insulta. Non o digo como unha queixa. O bo lector sabe que os inimigos son unha bendición: fante máis duro e intelixente.

     A cousa é tan así que cando comezou esa moda de facer amigos por internet, a min non me sorprendeu. Contra o criterio da maioría, crin desde o principio que era perfectamente posible facer amigos on line. Comparados cos amigos librescos, os ciberamigos parécenme algo así como inventar a radio despois do televisor.

 ABRAZO    Actualmente o debate cambiou. A maioría da xente cre posible ter amigos on line (e eu non lles chamo pedantes), pero non cre posible namorarse. Volvo disentir. Cando lin Jane Eyre, esa marabillosa novela do s.XIX, fíxenme amigo da autora, Charlotte Brontë, pero cando vin por primeira vez como era fisicamente (na película Predilección, interpretada por Olivia de Havilland), namorei dela ata tal punto que, naqueles meus vinte anos, se Olivia de Havilland aparecese por Rianxo casaría con ela cunha unha única condición. Chamarlle Charlotte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *