Hannah Arendt, de Margarethe Von Trotta

hannah-arendt-plakat-HannaXerardo AgraFoxo. A película comeza en 1960, cando o Mossad secuestra a Adolf Eichmann,  responsable da “solución final”. Cando un ano despois comeza o xuízo en Xerusalen, Hannah Arendt, a escritora xudía, asiste ao proceso como correspondente do New Yorker. A película reflicte o conflito que xeraron no mundo universitario americano, onde ela residía como profesora exiliada, as súas crónicas. Así, mentres o fiscal do caso, consideraba a Eichmann coma un monstro ao servizo dun réxime criminal e un home que odiaba o pobo xudeu dun xeito patolóxico, Hannah Arendt cría que só era un home disciplinado, un ambicioso burócrata e un ser produto do tempo que lle tocou vivir. Tal como a filósofa explica na película, interpretada por Barbara Sukowa, Eichmann “só era unha peza da maquinaria represiva nazi, un obediente servidor que nunca se sentiu culpable porque non era responsable dos crimes, senón de que os trens chegasen con puntualidade a Auschwitz”.

Ademais de profundar na súa Teoría da banalidade do mal, a película mostra o seu primeiro encontro con Martín Heidegger na universidade de Marburgo en 1924, cando a moza xudía de 18 anos foi alumna del, que contaba con 35, estaba casado e tiña dous fillos. Pero apenas explica como se converteron en amantes clandestinos e prolongaron a estraña e tormentosa relación cando xa era coñecido o pasado nazi do autor de Ser e Tempo.

hanna-arendt-aficheHannah Arendt é unha película notable, un filme que atrapa polas continuas rupturas temporais da trama narrativa e a habilidade da directora para explicar a intelixencia e coraxe desta escritora, aínda que para algúns, como Claude Lanzmann, as súas “teorías” son unha solemne parvada.

Por certo, parece ser que Arendt leu a Crítica da razón pura cando só contaba 14 anos, cantos terían os nosos filósofos do Café Barbantia –Losada Vs. Trasbach– cando leron por primeira vez a Kant?

2 comentarios en “Hannah Arendt, de Margarethe Von Trotta

  1. Benquerido Agrafoxo: Lin a Crítica da razón pura cando soñaba con ser filósofo (aos dezaoito anos). Non me queixo de ter quedado en profesor de filosofía.
    Polo demais, coincido coa túa crítica da película.

  2. Meu querido Agrafoxo, eu son un home tardo en todo, cheguei tarde a case todo. Empecei a estudar bacherelato con 13 anos, así que mira tí, un ano antes de que ela se enfrentara con Kant. Ademais, lamento decepcionarte, eu non me considero un filósofo, só me gusta ler libros de filosofía, en non todos, só algúns. Bos días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *