Gonzalo Trasbach. Os Sex Pistols cantaban “No Future”. Pero si hai futuro, e estamos intentando construílo (Allen Revenstine, Pere Ubu, 1978).
Foi o punk unha revolución musical, social e estética ou sinxelamente só foi unha estafa? Sería esta en poucas palabras a pregunta á que quere dar resposta a través das súas 506 páxinas Postpunk. Romper todo y empezar de nuevo (1978-1984) (Caja Negra Editora, Arxentina). Se ben existen centos de libros que documentan aqueles anos nos que o punk desafiou o estatus quo musical co seu nihilismo de tres acordes e a ética do do it yourself, o volume de Simon Reynolds (Londres, 1963), que aterrou vía Arxentina nas nosas librarías nos primeiros meses deste ano, é talvez o primeiro en recobrar as bandas que naquel período (1978-84) souberon ver as condicións xeradas polo punk para encabezaren un rompemento coa tradición reinante e experimentaren por fóra dos estreitos parámetros do rock.
Escrito seis anos despois de Retromanía (1999), neste libro o crítico inglés réndelle unha homenaxe a unha das últimas vangardas que pariu o rock, <máis ca un fenómeno musical, un espazo poboado de múltiples alternativas que xerou incontábeis xéneros e escenas>. Ademais, nestas páxinas reponse a memoria perdida dunha época na que o presente era un canon ao que había que desafiar e o futuro un horizonte ateigado de infinitas posibilidades.
E se ben é certo que aqueles anos postpunk viron nacer moitos grupos, algúns dos cales gozarían máis tarde dunha enorme fama –New Order, Depeche Mode, The Cure ou U2-, a súa historia non foi escrita polos vencedores. Moitos deles gravaron discos anovadores, pero nunca alcanzaron máis que o estatus de grupos de culto, téndose que conformar con ter influenciado a megabandas como Red Hot Chili Pippers, Nine Inch Nails ou Radiohead, ou ter alimentado a retromanía actual de combos neopostpunks como LCD Soundsystem, Franz Ferdinand, Interpol…
O 14 de xaneiro de 1978, no transcurso do último concerto dos Sex Pistols, consistente nunha soa canción, unha versión de No Fun dos Stooges, celebrado no Winterland Ballroom de San Francisco (USA), Johnny Rotten oficiou o funeral do punk, unha historieta que durou pouco máis de dous anos. Se ben na orde da estética e do social, a aparición do movemento punk tivo un potente impacto visual, no eido musical non aportou nada novo: os tres grupos insignia do movemento (Ramones, Sex Pistols e The Clash) limitáronse a revitalizar o rock dos 50 como oposición á sofisticación e perfeccionismo sinfónico dos 70. Isto é, en termos xerais, o que sostén o autor do libro, onde tamén resaltan as innovacións que incorporaron (electrónica, noise, jazz, técnicas de produción do reggae, o dub e a música disco) as agrupacións que lideraron a ruptura co punk para concretar unha variada e cobizosa escena sónica: PiL, Joy Division, The Fall, Gang Of Four, Talking Heads, Devo, Scritti Politti, Human League, Simple Minds, B-52’s, Eyless in Gazza…
Pese ao seu conservadorismo sonoro, o punk acaparou todos os focos mediáticos pola súa imaxinería e a súa aparencia, <de feito, a moda era máis importante cá música>, e ocupou numerosos capítulos da historia da música popular contemporánea. Porén, a fertilidade do período 1978-84, no que se exploraron novos camiños partindo dun desolado territorio musical, quedou sepultada baixo os entullos que deixaron os dous anos anteriores. Sobre esa parte esquecida desa fértil escena artística bota luz o relucente e xusto texto de Reynolds, especialista en música electrónica e analista da dimensión social paralela aos sons de cada época, e que mediante un relato discontinuo estuda os diferentes focos dos cambios sonoros daquel período, desde Manchester (Joy Division, The Fall) ao Cleveland de Pere Ubu ou ao Ohio de Devo, un de cuxos fundadores, Bob Casele (1952), morreu (17 de febreiro do 2014), case ao mesmo tempo que este volume entraba nas nosas librerías.