Antón Riveiro Coello. Un novo libro de Agustín Fernández Paz sempre é un acontecemento no noso sistema literario, sobre todo, porque estamos diante dun autor que non adoita defraudar coas súas entregas, como é o caso que hoxe nos ocupa. Así, A viaxe de Gagarin é unha novela de formación na que Miguel Mendiguren, un home de sesenta anos, acompaña en 2011 á súa nai moribunda nun hospital e dá en desennobelar o fío da memoria para nos achegar á España franquista dos anos sesenta, pano de fondo no que transcorre a historia. A volta atrás é de medio século e Agustín faina coincidir precisamente coa viaxe espacial de Iuri Gagarin, un feito nuclear na novela non só polo seu poder metafórico senón tamén porque do cosmonauta ruso viralle ao protagonista un alcume que o acompañará durante toda a súa mocidade.
Agustín escolle o barrio da Falperra coruñés para instalar alí a libraría da familia do protagonista, un lugar ben simbólico da loita clandestina, un heroísmo calado que de noite escoita Radio Estación Pirenaica e imprime cunha minerva folletos antifranquistas. Cunha extraordinaria mestría, Agustín métenos na pel de Miguel e fainos vivir a vida dun rapaz que, con certa inocencia, vai tirando as máscaras dese mundo gris do franquismo que o rodea. Asistimos con Miguel á súa formación escolar, ao primeiro abraio diante da lectura desas novelas de quiosco como as de Silver Kane ou Marcial Lafuente Estefanía, amamos con el a paixón polo cine e polas inquietantes viaxes espaciais e, sobre todo, sentimos o tremor dese primeiro amor, tan fermoso como imposible.
A novela é unha perfecta viaxe polos carreiros da memoria dos anos sesenta e é moi doado deixarse arrastrar pola levada lenta dese río que nos envolve e no que todo parece evidente, si, pero narrado con tal precisión que un ten a certeza de estar a estrear novamente eses acontecementos xa vividos. É certo que ás veces, non sei se na procura dun público máis amplo, ou nesa teima tan minuciosa de non deixar fíos soltos, Agustín cae na trampa do exceso de información, sobre todo para os que xa temos certa idade, pero talvez non estea de máis para os máis novos, que descoñecen a España franquista deses anos sesenta nos que comezaban a chegar a moitas casas os primeiros frigoríficos, lavadoras e televisións e existía unha ditadura con órganos tan repulsivos coma o Tribunal de Orde Pública (TOC) e esa nosa Stassi que aquí era coñecida como a Brigada Político-Social. Non sei. O que si sei é que estamos diante dunha fermosa novela, traballada nos detalles, na documentación, na (re)creación de atmosferas, e coa que Agustín se sitúa no lugar máis alto da nosa narrativa xunto a autores como Carlos Casares, con quen coincide na facilidade para apañaren as pantasmas dun tempo e darlles corpo cunha exquisita, e estudada, sinxeleza.
Recomendo vivamente esta novela, da que, por certo, hai un blog con interesante información (http://agustinfernandezpaz.eu/gagarin/). Fagan esta viaxe e comprobarán que, cando Neil Ármstrong pisou a lúa, Agustín xa estaba alí.