Pastor Rodríguez. Nado na Pobra en 1922, aos tres anos marchou a Roma con seu pai, o autor da Sonata de otoño, e con só dezaseis anos alistouse como voluntario no Batallón de Milicias Populares Galegas, ao mando de Enrique Líster. Coa derrota republicana cruzou a fronteira e foi internado no campo de concentración de Saint Cyprien, do que deixou testemuño neste cadro de 1942, La ronda. Grazas a algúns amigos puido saír do campo e establecerse en París pero, ante o avance dos nazis, Pablo Neruda logrou que embarcase no Reina del Pacífico con destino a Chile, país no que se dará a coñecer como pintor, expoñendo ademais en Arxentina, Venezuela e Brasil, axudándolle na supervivencia o seu labor de tradutor. En 1950 volta a Europa e establécese en París, e logo en 1958 volve a España, a Barcelona, onde continuou o seu labor pictórico. Entre a constelación de artistas galegos que tiveron que exiliarse, é quizais o pintor menos coñecido, escurecido polos nomes de Castelao, os Granell, Maruja Mallo, Arturo Souto, Frau, Federico Rivas, e outros moitos nomes. La ronda amósanos, nunha paisaxe de escuridade, un testemuño da situación dos exiliados republicanos tan maltratados polos franceses. Non foi o seu o único berro de protesta, pois tamén Uxío Souto e o escultor Compostela deixaron impresionantes estampas da realidade dos exiliados. Figuras estilizadas, de certo influxo do Greco, situadas non exactamente no centro da obra, para permitir a perspectiva e ensinarnos a desolación daqueles campos situados na praia ou en lugares absolutamente ermos. Arte como compromiso, como testemuña, para que as xeracións vindeiras lembrasen o sacrificio dos que loitaron a prol da República. Enorme foi a perda artística para un país como Galicia, pois a carón dos nomes xa citados, aínda poden engadirse Colmeiro, Laxeiro, Xosé Sesto, Luís Seoane, Leopoldo Nóvoa, Ángel Botello, Andrés Colombo, Marco de Abelanda e Ángel Lemos, por citar só pintores. O museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal conserva unha obra deste pintor, que está esperando un estudo máis detido, pois foi tamén crítico de arte e poeta.