Futurismo dende A Pobra

futurismo den de a pobra portada libroRomán Arén. Futurismo para os letrados é o movemento que en 1909 fundou Marinetti e que España coñeceu no mesmo ano a través de Ramón Gómez de la Serna e a súa revista <Prometeo>. Interesou a Rubén Darío e a Valle-Inclán (que mesmo escribiu algún textículo futurista), a Risco (que tamén fixo algún poemiña futurista) e a Guillermo de Torre, o cuñado de Borges e o mellor poeta ultraísta e futurista do estado español con “Hélices” (1923). Polo futurismo foron influídos Giménez Caballero e Ramón de Basterra. O problema, e sinalouno con honradez Juan Manuel Bonet no seu “Diccionario de las vanguardias en España” (1995), é que antes foi Cataluña, é dicir, Gabriel Alomar (1873-1941), (gran xornalista morto no exilio no Cairo), quen pronunciou en 1904 unha conferencia, “El futurisme”, en Barcelona, que se editou en 1905, traducida ao castelán en 1907, recensionada en Francia e que sempre se reclamou como fundador do movemento, apoiado por Darío e Huidobro. Un mexicano, Héctor Olea, publicou un importante ensaio en 1993, en portugués, estudando a Alomar. Isto da literatura é divertido e complexo. Alomar foi moi amigo do pobrense Victoriano García Martí, a quen lle prologou o volume de contos “A través de la vida” (1936). Logo o cárcere para García Martí e o exilio para Alomar, quen fora embaixador en Italia. Ademais, o catalán puxo o epílogo a “Del vivir heroico y del mundo interior” (1917) do galego, que logo este reaproveitou en 1936.

Pero o futurismo foi tamén un importante movemento pictórico e García Martí coñeceuno directamente en París, na rue Richepanse, 15, na galería Bernheim-Jeune en 1912. O pobrense, sociólogo de formación francesa, que viviu en París e Bruxelas e que escribiu tamén en francés, conservou o catálogo desa exposición, que eu merquei nunha libraría de vello hai ben anos e que leva o seu selo. De París trouxo García Martí o futurismo á Pobra, como trouxo poesía francesa do seu tempo e como trouxo a Proust. O folleto reproduce, en branco e negro, cadros de Severini, Carrà, Boccioni (o máis importante) e Russolo.

Les adieux de Boccioni
Les adieux de Boccioni

Pero, sobre todo, o folleto publica o manifesto dos pintores futuristas, que rexeitan en 1910 a “supresión total do desnudo en pintura”, o envellecemento e o arcaísmo superficiais, o secesionismo que consideran tamén académico. Deben abandonarse todas as formas de imitación, os críticos de arte son “inútiles ou invisibles”, a pintura debe amosar “notre tourbillonnement et vie d’acier, d’orgueil, de fièvre et de vitesse”. O título de tolos é un título de honra, o movemento e a luz destrúen a materialidade dos corpos… O folleto contén tamén un prefacio asinado polos futuristas citados mais Giacomo Balla, baseado na conferencia de Boccioni en Roma en 1911. Que pensaría disto un moderado como García Martí? En Portugal é Almada Negreiros (1893-1970) un dos máis influídos polo futurismo, quizais a través de España, onde viviu entre 1927 e 1932.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *