Naufraxio con estrelas e medusa. De Antonio Pérez

setasAntonio PiñeiroXa é difícil que un artista tan sólido, tan abundante, tan afeito a se deixar coñecer, poida sorprendernos en cada nova ocasión en que sae ao público. Esa é unha capacidade que hai que recoñecerlle, entre só uns poucos, ao noso admirado Antonio Pérez, e que volveu demostrar nas súas dúas últimas aparicións: Acuarelas, no espazo do Faiado, en Ribeira, e Froitos do mar, no do Centro de Interpretación de Porto do Son, da que procede esta sorpresa-encanto-feitizo do Naufraxio con estrelas e augamares.

Entre bodegóns –xiro clásico ao que Antonio quixo dedicar toda unha exposición, toda unha tempada – areas, vimbios, froitos, nácaras, formas do mar…, sorpréndenos, manténdose sempre fiel aos seus principios artísticos, coa carga literaria, estética, emotiva e intelectual, deste “cacho” de gravado.

É un naufraxio; pero non a perda que poderiamos pensar dun naufraxio. Este é un naufraxio presenza, un naufraxio xurdimento, un naufraxio vida. Antonio pinta un pecio en negativo, en reserva de branco ou ausencia de tinta que, no cadro, viría a ser a carne, a materia das cousas. Así, máis que un tema no papel, danos toda a historia, a desa permanencia, a do que foi, do que segue e do que seguirá sendo. E é tamén o barco espectro, o tema do barco aparecido, que aquí, entre nosoutros, temos mesmo por un ser, por un suxeito vivo, habitante dese tempo outro e acompañante. É o barco maxicoliterario, errante polos recunchos da lenda e da fantasía, que Antonio preserva para a súa fábula coa forma dunha dorna, un receptáculo, un oco que, en vez de aludir ao baleiro ou á perda, se nos antolla un berce, un ventre, un seo de vida. É o círculo da renovación, a continuidade metafórica que Antonio pensou, intuíu, no seu pecio-vida; o azul abisal e elegante das medusas que acompañan esa espectralidade coa súa danza, o seu ondear sensual, como de saba, coa carga onírica ou tanática, tamén espectral, que ten a saba. Viunas, Antonio, xurdindo de entre as cadernas da dorna, levando ou traendo a luz acuosa da alma da dorna no outro azul, o da fondura.

E as estrelas achegan a linguaxe universal das estrelas: firmamento, infinito, fulgor, romanticismo; estrelas que descansan sobre un fondo de limo como sobre un fondo de noite. O propio nome, estrela de mar, o mesmo que augamares, ten xa tanto de literario. Antonio – estrelas, augamares e naufraxio (que afortunado título) – estanos a dar a fábula magna de Ribeira nun gravado que hai que cualificar de dotado e maxistral.

Por isto, e pola dimensión, a importancia longa do seu traballo, quizais é hora de ir dicindo que Antonio Pérez é o pintor que mellor recolle a esencia arousá; ou o pintor de Ribeira, que é dicir o mesmo e algo máis.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *