Eme Cartea. Abordamos aquí unha obra de Elena Fernández. E facémolo admirando o primeiro plano dun rostro con ombros espidos, apreixado á xusta distancia onde a intimidade se fai confidencia. O retrato, xénero de longas raizames, por definición ten que ser fisionómico. Pero hoxe é común que tente reflectir a psicoloxía do personaxe e mostrar o seu mundo oculto. Neste caso, a exquisita técnica de Elena, que se enfronta ao lenzo sen preámbulos, logra captar con mestría esa íntima interacción de mirada e sorriso, que fai aflorar ao rostro toda a intensidade sentimental do modelo. Troppo vero!, que diría o outro.
Neste achado non son alleos a sensibilidade da pintora, a composición e o orixinal enfoque. Sabemos que non hai retrato psicolóxico sen unión mental do artista co retratado, a tal fotografía íntima do instante fugaz e irrepetible sorprendido na súa profundidade emocional. Tecnicamente, unha arreminada gama de ocres naturais que subliñan a viveza facial, sen concesión á idealización da pel, con sabor simbiótico de terra e salitre. Técnica de empaste e rascado-aclarado posterior que produce unha especial textura raiada, con manifesta capacidade de comunicar sensacións táctiles, e que, clarexando zonas precisas, crea claros contrastes que acentúan o vigor expresivo do rostro.
Predominio, pois, da cor sobre a liña, con manchas e toques que lle confiren veracidade á silueta. Sabia harmonización de tons, con interseccións de pincelada onde os marróns cobran intensidade, sen delimitar. E ese fondo isocromático, que acentúa a unificación de figura e contorna, fai que aquela destaque, igual que contribúe a parte inferior, cunha forte saturación, da que semella emerxer a figura, coma un novo non finito prigione de Miguel Anxo. Cores cálidas, ocres de carne como impresión e exaltación de proximidade, símbolo de tenrura e apego ao tradicional, á permanencia.
Elena avanta con destreza cara á súa madurez artística. É quen de converter o seu pesimismo existencial en argumentos sólidos de creatividade. Posúe a técnica precisa, a inquedanza necesaria. Os tempos son chegados, pois, de abandonar as manobras florais de aproximación e distracción con obras que Buñuel chamaría «alimenticias», e buscar o seu propio camiño máis alá do retrato.
Imponse, logo, un xiro radical na súa expresión habitual. Ten retratos e bodegóns que insinúan posibles singraduras con futuro. Máis acá das vangardas pero con elas: dende o posimpresionismo ao neoexpresionismo. Pintar a esencia, o ser, e non tanto a aparencia; a idea e o sentimento, máis cá forma. Dito doutro xeito: aprender a arte de «pintar mal». Ela ben sabe que pode pero non sabe que quere. Nós sabemos que pode, e quere, e… debe!