
Gonzalo Trasbach. Dado que as súas obras, de carácter experimental, alento visionario e conciencia antisistema, rendían pobres ganancias, William Burroughs (1914-1997), talvez a voz máis insubornable da chamada beat generation, viuse condenado a levar traxe de personaxe público. Sobreviviu a unha crónica adicción á heroína e a ondas consecutivas de innovación literaria. Pero atopou unha segunda vida nos círculos do rocanrol, pois foi quen de atraer a meirande parte das principais stars da escena musical norteamericana e europea. Os artistas que acudiron aos encontros co incorrixible sodomita e heroinómano afeccionado ás armas de fogo, todos atendían con solemnidade ao vello gurú. Dezasete anos despois da súa morte, preguntámonos se esvaeceu aquela reverencia. Non de todo.

Recapitulemos. A finais do 1973, finiquitou David Bowie Ziggy Stardusty e foi entón cando tramou o seu traspaso de estrela pop desbotable a perdurable icona cultural. O seu encontro con Burroughs forma parte deste interesado proceso. Bowie recoñece ter adaptado en The Rise And Fall Of Ziggy Stardust And The Spiders From Mars (1972) <os exércitos guerrilleiros humanoides adolescentes> de Los chicos salvajes: el libro de los muertos, publicado por Burroughs no 71. Logo de dúas décadas de subversiva e rompedora obra literaria, Burroughs subsiste coma figura reverenciada, aínda lida por minorías máis ou menos maioritarias. O que o vampiro pop arelaba chuchar do persoeiro era a súa aura transgresora e paranoica, o seu lúcido nihilismo.
O autor de Yonqui (1953), mentres tanto, buscaba un perfil mediático máis afiado. Nacido no seo dunha saga de potentados, estudante en Harvard e Viena, a finais dos 40 foxe de USA a México despois de ser detido por posesión de drogas. Na capital mexicana, no decurso dunha gran chea, mata (xogando á ruleta rusa) accidentalmente á que se fai pasar pola súa dona, pois a súa vida ata entón ten discorrido na deriva clandestina á que se ven abocados os homosexuais. Despois de vagar por Tánger e París recalou en Londres para someterse a un tratamento experimental de desintoxicación.
A rockstar consagrada tirará proveito das súas ensinanzas: adapta a técnica de cut-up desenvolvida por Burroughs xunto con Brion Gyson e feita pública na azarosa narrativa de El desayuno desnudo. Bowie dá cunha técnica para sintetizar e apresurar conceptos vertidos en música e letras, con arrepiantes resultados no seguinte álbum: Diamond Dogs (1974), onde a espontánea e contundente semántica de Burroughs encharca a distopía adaptada de Orwell. O zigzagueo constante e quimérico daquela ensinanza marcará a súa carreira ata finais dos 70, nunha serie de discos e conseguintes cambios de imaxe e rexistro que impulsarán a varias xeracións na súa conquista do futuro.
Burroughs non era alleo á curiosidade da xeración que a mediados dos 60 convertera a antano inocua música popular na impulsora de avances artísticos e sociais, disolvera moralidades imperantes e ideoloxías caducas. Entre 1965-66 cruzouse varias veces con Paul McCartney ao instalar un estudo de gravación para os seus experimentos lingüísticos no apartamento que o Beatle tiña no londinense barrio de Marylebone. O autor estadounidense aparece como parte do santoral na portada do Sgt. Peppers (1967).
A nova orde musical non tardará en ver aflorar nomes que revelan perplexas lecturas do maior formulista da beat generation, o seu integrante máis escéptico. A banda británica de rock progresivo Solft Machine bautízase co título da novela homónima publicada en 1961. E El desayuno desnudo estimula a imaxinación doutros grupos neoiorkinos… A mediados dos 70, temendo pola súa saúde, Allen Ginsberg logra que Burroughs se traslade a Nova York. Acepta un posto de profesor na universidade, pero só aguanta seis meses. Instalado no mítico búnker, antigo ximnasio no Bowery reconvertido en forte, oficia de anfitrión (xunto co seu secretario James Grauerholz), para un crecente círculo de admiradores ben intencionados ou morbosos: Andy Warhol, Micky e Bianca Jagger, Lou Reed, John Giorno, Patti Smith e Susan Sontag, entre outros.