Pilar Sampedro. O surrealismo vénlle de lonxe a Anselmo Lamela. Anda nel desde os anos setenta do século pasado cando formaba parte do FOGA (Fato de Ounirismo Galego), un movemen-to medio anarco que andaba por Compostela e movéndose por Galicia especialmente polo Salnés. Méndez, Kukas, Silva, Leiro, Seara… formaban parte deste grupo que realizou varias exposicións e performances naqueles tempos.
Daquela eran todos surrealistas e percorrían os camiños do onírico, talvez porque era a única maneira de sobrevivir nun mundo tan hostil e represivo como aquel no que se comezaban a abrirse físgoas de luz. Eran novos e rebeldes, necesitaban mostrar a súa diferenza, facer ver o seu enfrontamento á Academia, a todas as academias. Logo foron evolucionando cara a outras rutas nas que ás veces quedaban restos do que foran… coma os ovos metafísicos que Méndez continúa a introducir nos seus cadros.
Anselmo é outra cousa, el é surrealista pleno. Na súa esencia semella non haber outra posibilidade que seguir traballando arredor deses soños que poden ser pesadelos: porque a razón xera monstros.
El é un creador de mundos polos que se move lentamente, traballando de forma constante e cunha autenticidade a proba de bomba.
Esta exposición, Arcanos da imaxinación, móstranos o seu imaxinario, un mundo de cidades creadas pola mente, construcións baleiras de vida polas que ás veces se move algo que se lle pode semellar. Entre a estruturas, disimulada, introducíndose entre os ángulos e figuras xeométricas, entre as formas rectilíneas… aparece e desaparece a substancia informe case líquida, unha materia que pode ser inanimada ou viva. Tamén veñen e van imaxes que poden lembrar algún tipo de ser que nunca antes existira.
Un mundo alleo ao coñecido, froito da mente do artista pero que nos desasosega, e aí entra a dúbida de ata onde ten relación ou non co noso, cos nosos pesadelos, coas antiutopías que se nos presentan desde a ficción científica e creadora dos adiantados.
Cando Anselmo fala dos seus referentes, cita a Chirico na súa etapa metafísica ou Escher cos seus planos imposibles. Si, hai algo deles no fondo desa creación orixinal e propia, algo do medo, de desasosego, de intranquilidade que move as raíces da nosa convención.
A súa pintura é produto dunha evolución lenta. O oficio móstrase como un continuo que mellora no día a día, e se abre paso como a vida que imaxinamos detrás das cordas e entre as rectas.
Desde aqueles afastados primeiros pasos no mundo da arte, Anselmo creou unha maneira de facer, un léxico identificable, unha alegoría, unha estética simbólica que permanece nas súas obras a día de hoxe. Un universo propio, orixinal e insólito que segue a compartir con nós.