Mars city

mars_blue_2Francisco Ant. Vidal Blanco. Unha vez máis volvemos a darlle voltas ó asunto da conquista do espazo como se se tratase dunha emigración á que estamos destinados os terrícolas. E cando se fala deste asunto, o primeiro que nos vén á cabeza é Marte e os marcianos. Certamente, desde os primeiros homínidos ata hoxe en día, é condición da nosa especie superar horizontes, outear por encima da sebe e avanzar cara outras terras, por iso, que nos falen da conquista e repoboación de outros planetas é algo que se contempla como unha posibilidade, e de feito a viaxe a Marte xa está aí, á volta da esquina, anunciada como unha excursión do Inserso, pero sen querer ser escéptico, outra cousa moi distinta é habitalo e manterse alí por un tempo máis ou menos longo.

A diferenza de gravidade pode facernos resentir dos ósos máis ca se vivimos nun país húmido, logo está a falta de abono para a terra de quen pretenda cultivar algo e a maiores xúntase a todo iso a falta de atmosfera, o buraco de ozono e a entrada directa de emisións de raios UV e X que nos obrigarán a vivir baixo teito e saír a pasear co escafandro posto. Sen embargo, como vai nos xenes da nosa condición superar desafíos, aí temos ó arquitecto dinamarqués Bjarke Ingles, contratado polos Emiratos Árabes para construír unha Mars Science City no deserto de Dubai. Toda unha cidade marciana aquí na terra para ir probando, de cara a esa ansiada colonización que os árabes estes agardan facer efectiva dentro de exactamente cen anos. Trátase de simular a vida no planeta veciño dentro dunha serie de cúpulas destinadas a albergar unha grande urbanización construída con tecnoloxía 3D e usando a mesma area do deserto.

p-1-big-mars-science-cityXa sabemos que non é a primeira vez que se fixeron experimentos deste tipo, concretamente en distintos lugares dos EE.UU. aparentando a colonización dun planeta ou da mesma Lúa, e cada pouco tamén vemos como algún millonario excéntrico se amosa ansioso por organizar viaxes turísticos para dentro de tres ou catro anos. Pero unha cousa é ir a Marte, sacar un selfie e volver, e outra moi diferente é ficar alí e iniciar toda unha vida coma quen carga coa maleta da emigración. Fáltalle moito á tecnoloxía e, sobre todo, fáltalle moito á nosa singular maneira de relacionarnos co medio.

Mais, fantasías á parte, o que si me atrae deste proxecto é o desafío construtivo que supón a idea deste arquitecto, procurando combinar o económico co ambiental e o práctico co fermoso, sen renunciar á función social que a súa disciplina ten en por si. A pesares de que, a día de hoxe, tal e como se presentou este reto en distintos medios, todo ese conglomerado paréceme máis un parque temático ca outra cousa.

Á fin, tamén el, a todo isto que semella un xogo, defíneo como a ilusión dun cativo que querendo ser astronauta se fixo arquitecto, e agora combina o neno co home para lograr este desafío a base de cúpulas que se conectan entre si e dentro das que vai haber leiras, ríos, museos, tendas e domicilios particulares nunha extensión de case douscentos mil metros cadrados no medio do deserto. Todo un centro comercial recibindo a luz do sol cribada polos polímeros da cúpula e cunha temperatura regulable. Supoño, tamén, que sen necesidade de usar paraugas ou antucas nin ter que mirar o calendario lunar ou a previsión do tempo para plantar as cebolas ou o ceboliño.

Esta entrada foi publicada en Ensaio, Francisco Ant. Vidal Blanco, Narrativa. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta a Mars city

  1. Magdalena di:

    Querido Francisco: Dudar, yo ya no dudo de nada. Si me dicen que en años venideros se podrá vivir en otro de los planetas que componen el sistema solar, me lo creo a pies juntillas. En todos los tiempos sobresale una suma de brotes de inteligencia superior que sea capaz de discurrir y ejecutar, lo que a nosotros nos parece irrazonable. Acuérdate de Julio Verne, ¿quién le creía en aquél entonces? La revolución científica cambió el rumbo de la humanidad al que debemos todas las comodidades, incluyendo la rasuradora eléctrica de fosas nasales.
    Besiños desde Palmeira, Francisco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>