Meditacións

Foto: Elisa Durán Cortegoso
Foto: Elisa Durán Cortegoso

Xabier L. Marqués. Unha camelia. Algunhas flores caídas. No chan. Húmido. Case que todas enteiras nese chan húmido. É certo, M. A. Murado, que os pétalos caen todos á vez, pero neste terreo noso non resoan coma no Xapón, bo-to, senón cun son máis lene, imperceptíbel, mesmo un son de derrota silandeira (“doces camelios derrotados para sempre”, que dixo Ferrín). Non  imitando un desmaio senón máis ben do xeito que retornan os soldados tras seren vencidos, cos ollos contemplando o po que levantan os pés dos compañeiros… O seu voo, o tempo que tardan en chegar ao solo para se deitaren mórbidas, lánguidas, ese instante eterno que percorre todas as estacións no sentido contrario ás agullas do reloxo, sen faceren case que ningunha viravolta,  ao ritmo que marca o  bambeo dos seus sépalos convexos e acolledores, con sosego e dignidade. Din que xurdiron das pálpebras, das capelas daquel que quedara durmido mentres meditaba e decidiu amputalas para que non lle volvese ocorrer. Flores de adormecida, flores de somnolencia, de fantasía, fíos e febras de liño, lenturas… Conciencia. Concentración.. Man pechada, ás veces, que acolle os xogos dos seres máis diminutos e mesmo serve de acubillo para que se agochen os paxaros pequeniños, as carrizas, ou que xoguen ás fosforescencias os vermes de luz e que os suspiros esvaren sen se mancar…docemente.

Un comentario en “Meditacións

  1. Buenos días, querido maestro; ciertamente, santa Rita otorga milagros. Hace unos días pregunté por ti. Este año nos has dejado huérfanas de tu magnífica docencia y te hemos echado mucho en falta todos los que como yo, necesitamos de tus letras e instrucción. Volveré a echar mano de la santa de los imposibles a ver si vuelves a reaparecer. Todos los que lean lo arriba escrito “Meditacións” sabrán comprender porqué se añora a un maestro con tantas cualidades para la formación del alumnado.

    Me debes una firma en uno de tus libros.
    Saludos desde Palmeira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *