Román Arén. Parodiando a Hesíodo (Os traballos e os días) e a Proust (Os praceres e os días), recomendo este breve volume de Jacques Bonnet, Bibliotecas llenas de fantasmas, editado por Anagrama. Os fantasmas (fantômes) do título son, en francés, os cartóns ou papeis que se poñen no lugar dos libros retirados dun andel da biblioteca. Unha delicia para bibliómanos e bibliófilos, escrita sen solemnidade, mais con grande amor á lectura e aos libros. Un libro para facer campaña dos autores amados polos bibliófilos: Nodier, Borges, Asselineau, Manguel, Queneau, Gracq, Blanchot ou Polastron. Como non ter aprezo por unha obra como esta? Parte dunha cita de Charles Nodier (“Despois do pracer de posuír libros, poucas cousas hai máis dóces que falar deles”) para irnos comentando os problemas de ordenar libros, os autores amados e descubertos, as novelas cheas de bibliotecas (Eco, Huysmans, Carlos Domínguez, Canetti), os grandes bibliómanos e os seus tipos (Folger, T. Bernard, Rémy, Douglas), os problemas de como gardar volumes e clasificalos, as prácticas de lecturas. Os praceres e os traballos dun autor que ten a “suerte de poder leer en medio del ruido, de la multitud e incluso rodeado de conversaciones que no me interesan. Y también la facultad de hacerlo durante todo un día y de seguir hasta bien entrada la noche”. E os autores amados e compartidos (Segalen, que morreu no bosque de Huelgoat lendo un libro), John Cowper Powys (que entre nós, os galegos, só amou Cunqueiro), Edgar Lee Master (en Cátedra está a súa obra); a importancia dos críticos como mestres (Blanchot, Auerbach, Starobinski, Poulet, Spitzer…), mentres eu penso en Charles Du Bos e Bachelard, que tanto admirei. Fermosa a cita de Jean Grenier: “as bibliotecas son un refuxio contra a vellez, a enfermidade, a morte”.

Non faltan os grandes críticos de arte que, asemade, foron grandes escritores: Panofsky, Blunt, Kaufmann, Clak, Golding, Gombrich, Berenson (magnífica a anécdota: cando soubo que a Pío XII se lle aparecera a Virxe, preguntou: en que estilo?), porque nas bibliotecas hai saber, pracer, dor, fantasmas, personaxes memorables (Alonso Quijano, Fausto, Tartufo, Hamlet: “Los personajes literarios son suficientemente reales para que los escritores los tomen prestados los unos de los otros y para navegar de obra en obra”. As curiosidades “raras”; non se nos di que perna de Ahab é de pau, a dereita ou a esquerda? E logo os pseudónimos (cal é o nome real de Elsa Triolet, ou de Mac Orlan, ou de Conrad?). E non falta a cita tópica de Quevedo: “Retirado en la paz de estos desiertos, / con pocos pero doctos libros juntos, / vivo en conversación con los difuntos / y escucho con mis ojos a los muertos”. Pasen e lean, na tradución de David Stacey, este libriño. Quedarán satisfeitos.