Limónov, de Emmanuel Carrère

plantLIMONOV.qxd:PlantALBA.qxdAntón Riveiro Coello. Se alguén me pedise a miña recomendación sobre algúns autores franceses vivos, nesa escolla non dubidaría en colocar a Emmanuel Carrère no mesmo estante doutros autores de prestixio como Michon, Houllebeckq, Quignard ou Modiano. O certo é que dende a primeira novela que lle lin, sentín que estaba diante dun autor ben interesante. O primeiro encontro con el foi a novela O adversario, unha viaxe arrepiante ao celme máis duro do ser humano, esa sorte de experimento coma o de Capote en A sangue frío. Na novela O Adversario, da que el mesmo fixo unha versión cinematográfica que tamén paga a pena ver, conta a vida dun home que, despois de manter durante varios anos unha mentira sobre a súa propia vida, matou a esposa, os fillos e os pais, e probou, sen éxito, o suicidio. A última novela que lera de Carrère era De vidas alleas, un libro tan fermoso como esgazador, no que o autor aproveita a forza dun tsunami no Índico para entrar na vida estremecida de dous xuíces que padecen cancro. Por iso, cando me atopei con Limónov, axiña me predispuxen para ler un gran libro, unha obra que viña precedida de premios e un importante éxito de crítica e público. E teño que dicir que non me defraudou.

Limónov é un libro inclasificable, que bascula entre a novela e a biografía, polo que máis doado sería dicir que estamos diante dunha biografía novelada. Pero iso sería un chisco reducionista porque é moito máis, como por exemplo, unha novela de aventuras e un paseo sincero e diferente pola historia da Unión Soviética e a Rusia postcomunista.

limonovo carrereNo libro cóntasenos, dun xeito novelado, a vida de Eduard Veniamínovich Savenko, controvertido político e escritor ruso que naceu en 1943 nunha familia humilde e que foi delincuente na mocidade, xastre, coñecedor dos círculos literarios de Nova York e París, mordomo, mesmo soldado na guerra dos Balcáns… Limónov seica é o alcume de Savenko, un xogo intencionado entre limón e granada (explosivo) que lle acae perfectamente a este personaxe, entre ambiguo e contraditorio, que por veces amamos e outras odiamos con virulencia. Mentres lemos este libro excepcional, resistímonos a crer que estes feitos relatados sexan certos e que o personaxe poida ser real. Pero a ficción esixe verosimilitude e a realidade non precisa dese requisito. Emmanuel Carrère confesa que se escribise unha novela non se atrevería a contar algúns destes episodios. limonov-con-granadaE si, é certo que hai moita información sobre este personaxe público, fundador do partido neofascista ruso que escribiu libros nos que cultiva o seu propio mito cunha sorte de megalomanía e alta egolatría (“a única lenda que lle interesa é el”), pero o autor ordenou dun xeito maxistral esa vida que unhas veces roza a lendario e outras o ridículo e o infantil, e constrúe un personaxe memorable na derrota, unha sorte de épica inversa que é o mellor estadio para un Eduard Limónov no que conviven a chulería, o traxicómico, o talento, o espírito aventureiro, a hipérbole, a esaxeración e, sobre todo, a vida.

Coido que as fiestras que Carrère lle abre á obra de Limónov son infinitas e sospeito que somos moitos os que agardamos que as súas novelas sexan traducidas para completarmos a nosa ollada sobre un personaxe tan fantástico. De momento, se aínda non o fixeron, lean esta “novela” altamente recomendable. Ficarán abraiados.

Un comentario en “Limónov, de Emmanuel Carrère

  1. Coincido totalmente. Despois de ler Limónov, púxenme a ler En la orilla, outro libro multipremiado e moi valorado pola crítica, dun autor que admiro e sigo desde hai anos, e que nunca me defrauda, Rafael Chirbes, e pareceume insulso. Tal é a forza do libro de Carrère.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *