Tras os pasos de Cunqueiro

9788498657159César Alen. Corría o ano 79 do século pasado. Con todo, o que podería parecer unha laxa, para min supón unha perspectiva histórica amplísima. Que riqueza vivir. Un día de calor deambulaba entre as agrestes e secretas calas menorquinas. Era tal a calor que decidín refuxiarme da calima nunha fresca biblioteca de Mahón. Rebusquei distraidamente ata que dei cun paisano ilustre; don Álvaro Cunqueiro. Entre varias das súas obras, elixín por intuición As crónicas do Sochantre. Senteime a unha prudente distancia da luz cegadora que asomaba por unha gran ventá. Adaptei os meus mozos e ávidos ollos á agradecida penumbra. O libro foi envolvendo coa súa rica linguaxe coa incrible descrición de escenarios que me lembraban os ciclos artúricos. En pouco tempo sentinme transportado aos húmidos e frescos ambientes bretóns, á sempiterna choiva que tanto me lembraba a miña terra. Hostes e pantasmas pululando ao longo e ancho dunha terra brumosa, misteriosa, atlántica. O que máis me chamou a atención (tras ler a contraportada) foi saber que Cunqueiro nunca estivera en Bretaña. Como era posible unha descrición tan meticulosa, tan acertada dun lugar descoñecido. Quizá esa capacidade imaxinativa, xunto coa elección dunha linguaxe adecuada que achegue propiedade significativa, sexan as claves dunha boa escrita. O certo é que empecei a sentir frío, os meus ósos fixéronse eco desa humidade penetrante, insistente. A biblioteca de súbito encheuse de néboa. Si, o realismo máxico de Cunqueiro fixera o seu efecto. Despois daquela lectura decidín que cando regresase a Vigo seguiría os pasos do seu autor. Quería descubrir a súa maxia, a súa técnica, os seus segredos. Alguén con esa imaxinación estaba claro que non era un tipo común. No outono regresei, por suposto, o ceo estaba encapotado, gris, plúmbeo. Finas pingas caían ininterrompidamente como pequenas plumas que se pegaban ás gabardinas, aos coches, ás xanelas. Parapeteime parapetei enfronte da súa casa, na rúa Valadares, a súa última morada. Un sinxelo edificio coa fachada gris, coma case todos. Sobre o mediodía, aparece no portal; alto, traxado, con aspecto descoidado. Alvaro_Cunqueiro_por_Pablo_Gallo_0002Mira cara aos lados, sobe as lentes de montura negra cun xesto automático. Abre o paraugas e sae camiñando cara á súa dereita. Parece ensimesmado, pensativo. Mira ao chan e inmediatamente a todo o demais. Representa unha figura poderosa, ancho e cunha incipiente barriga. O pelo escaso, o nariz carnoso, fazulas xoguetonas que lle dan un aspecto bonachón. A poucos metros, dá coa transitada rúa Colón. Os coches expulsan fume na espera do semáforo coa intersección da ancha e maxestosa García Barbón, escoltada por poderosos edificios decimonónicos, entre os que destaca o gran teatro construído polo insigne arquitecto porriñés Antonio Palacios. Cando chega á chaira da rúa, toma á dereita. Para á altura do teatro e observa con detemento a carteleira. Saúda e saúdano. As bucinas móstranse insistentes e superpóñense sobre a melancólica sinfonía da choiva. Camiña uns metros máis e cruza no paso de peóns de Porta do Sol. Alcanza a comercial rúa Príncipe. Enfila polo canellón da dereita, e tópase co Elixio. Fachada branca, concisas letras de forxa oxidadas. Pecha o paraugas cun par de sacudidas. Dentro, o ambiente é acolledor, cálido, amigable. As paredes de pedra están repletas de cadros dos mellores pintores de principios de século vinte. Avanzo observando cun disimulo estudado: hai masides, un pequeno busto de Eiroa. Ata me pareceu recoñecer unha viñeta orixinal de Castelao, ben enmarcada. Un auténtico museo. Grandes xestos, bromas e inmediatamente unha flamante botella de viño branco distribuída en primorosas cuncas de porcelana. Enfronte da barra hai unha mesa de madeira con bancos ao seu ao redor, á beira da gran ventá cunha cortina branca coma un lenzo manchado. Cunqueiro é recibido con algaradas e moita camaradería. Enseguida senta e comeza o que parece un faladoiro habitual. Eu rodeo os toneis (que fan as veces de mesas) e sento ao final do local, nun discreto segundo plano. Unha estufa de leña caldea a estancia. Saco o libro que subtraín nunha inevitable necesidade, máis que crematística, vital, unha especie de xesto anticapitalista sen moito sentido. "SANTOS Y MILAGROS", UNA ANTOLOGÍA DE ALVARO CUNQUEIRO CON SIETE CUENTOS INÉDITOS Y CIENTOS DE ARTÍCULOSTen o selo da biblioteca municipal de Mahón. Ao abrilo fago a viaxe á inversa, e sinto o latexado da cálida e prematura primavera balear. Don Álvaro fala con grandes xestos grandilocuentes, coma se fose un director de orquestra. A americana desabrochada, o nó da gravata afróuxase. O viño corre sen complexos. O fume dos cigarros xera unha atmosfera bohemia, literaria, con aire parisiense. Escoitándoos descubro que o noso autor é un reputado gastrónomo, con algún libro sobre a cociña galega. Ao mesmo tempo comezan a degustar unha boa variedade de tapas. Levantando a man fai eloxio dunha primorosa tapa de polbo á galega. O pemento destaca sobre a branca carnosidade das talladas. O aceite de oliva brilla baixo os débiles focos do teito. Logo aparece unha bandexa de luriñas enceboladas. Os comensais esgórxanse en gabanzas cara a Elixio, o dono, que mostra unha evidente e familiar complicidade. Máis viño e máis inspiración. A velada está na cima. A literatura queda ao carón e prevalece a gastronomía, o mundo dos sentidos. Co viño a camaradería multiplícase exponencialmente. Don Álvaro destila sabedoría, estilo, grandilocuencia, humanidade. O único que se me ocorre é pedir tamén aquelas luriñas enceboladas que conquistaran o seu educado padal. E eu tamén sucumbo ás sensacións corporais, ás bondades do viño. Cando me sinto o suficientemente ebrio como para borrar a vergoña e o complexo, decido achegarme co libro na man, para…achegarme.

– Don Álvaro, ejem…eh, eh…

vírase cara ao meu, e percibo o seu magnetismo. Parece o abade dun convento, un senador romano. – Podería, podería…

Detéñense as palabras con todas as miradas enfocadas en min. Por sorte ve o libro e cólleo cun xesto decidido e veloz.

– Veña trae ese libro aquí…

 Estampa a súa firma, un trazo inintelixible, pero cheo de significado emocional. Por sorte non chegou a ver o selo furtivo. Xa non puiden dicir nada máis. Retireime ao meu recuncho ascético e seguín bebendo, tentando captar os efluvios de sabedoría daquel home. Pedín máis viño e resistín ata o final. Dous anos máis tarde falecería á temperá idade de sesenta e nove anos. En homenaxe a ese gran escritor, fixen aquela mesma ruta infinidade de veces, co libro autografado debaixo do brazo, visualizándoo na mesa do Elixio, saíndo do seu portal, tentando imaxinar o seu despacho, a súa biblioteca, a súa inspiración. Camiño polas empinadas rúas viguesas seguindo a sombra da súa rotunda presenza. As veces, contemplando a escultura que lle erixiron en Bouzas, dáme a va impresión de que se vai arrancar a camiñar, que me vai saudar, de que vai revivir. Acabei por ler gran parte da súa obra: O xa citado volume As crónicas do Sochantre (premio nacional da crítica), Merlín e familia, Se o vello Sinbad volvese ás illas, Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Un home que se parecía a Orestes (premio Nadal 1968). Ademais de narrativa, na que se nota unha clara ascendencia lírica, escribiu poesía, teatro e foi un incansable articulista.

4 comentarios en “Tras os pasos de Cunqueiro

  1. A mí también me ha encantado tu relato, César. Al leerte me he identificado contigo en lo siguiente: En una ocasión vi sentado en una cafetería de Santiago, (creo que se llama Dervi ) al lado de una de las ventanas, a don Gonzalo Torrente Ballester. Estaba escribiendo en un bloc. Cuando nos tocó cruzar el paso de peatones para subir a la calle Huérfanas, yo no crucé, y me quedé extasiada mirándolo un buen rato hasta que nos abrieron nuevamente el paso.
    También tuve la suerte de conocer personalmente a don Camilo José Cela, y me concedió el honor de firmarme y dedicarme el libro La familia de Pascual Duarte. Era una edición que lanzó por su setenta cumpleaños en el año 1986 con ilustraciones de don Antonio Saura. Espero tener un día el tuyo; escribes muy bien.
    Saludos palmeiráns, César.

    1. Buenos días Magdalena. Ante todo gracias por tu amabilidad e interés. Lo cierto que estas historias en primera persona suelen llegar al lector. Activan resortes emocionales, muchas veces olvidados. Desde luego tu has sido una privilegiada al conocer a esos grandes autores. Este tipo de experiencias estimulan el ansia de leer, de indagar en su obra como prolongación de sus vidas. Y eso, a la postre, es lo importante. Un saludo y muchas gracias.

  2. Boas tardes, César. Encatoume o teu relato de econtro con don Álvaro Cunqueiro. Teño que agradecerche a crónica porque me axuda para completar unha pequena teoría sobre o dominio do idioma (galego ou castelán) deste fantástico escritor noso, do que teño escoitado moitas cousas “perversas”. Eu tamén visitei o Elixio. Efectivamente un auténtico museo. Aló coñecín na miña mocedade a Ánxel Huete e Pepe Lodeiro. Mais fai pouco máis dun ano, estiven na taberna cando xa o fillo do Elixio estaba xubilado. Levoume á tasca un amigo común, José Barca. Ambos morreron, desafortunadamente. Aquel dío o dono invitoume a visitar o segundo piso da casa. Iso si era un museo. Gracias pola túa inesperada axuda.

    1. Boas Gonzalo, ante todo grazas a ti polo interese e amabilidade. Dende logo fuches afortunado descubrindo ese cubículo secreto do Elixio. Pouco xente debeu tes acceso a esa estancia. Eu tamen fun un dos derradeiros en disfrutar de ese maravilloso local e de todo o seu significado latente. Fai un par de anos pasei por alí e estaban rodando a “Praia dos afogados” baseada no libro de Domingo Villar. alí estaba o seu director Geraro Herrero e o protagonista Carmelo Gómez. Mágoa que ese día non chovía e tiveron que creála artificialmente. Unha aperta e grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>