Epidemia de cólera en Porto do Son en 1854

BY25C4F3_205130Manuel Mariño del Río. En boa parte do século XIX reduciuse notablemente a mortalidade, constituíndo un dos elementos que sinalaban o camiño cara á modernidade. Malia todo, como deixaron escrito varios autores, seguíanse coñecendo algunhas epidemias mortíferas, situándose o cólera en primeiro lugar entre as mesmas. A aparición do primeiro brote de cólera a partir de 1832 non foi unha sorpresa pois era agardada polas autoridades que xa sabían das abundantes mortes que causara a epidemia en Inglaterra e posteriormente en París. Non resultou estraño que precisamente fose Vigo a porta de entrada do brote epidémico en xaneiro de 1833. Aínda que non se coñecía a bacteria, os médicos sabían que se enfrontaban a unha doenza altamente contaxiosa, polo que, decontado, se viron restrinxidos os movementos de poboación en Galicia ao tempo que se adoptaron medidas profilácticas e se procedeu a un illamento dos afectados.

En 1853 un novo brote de cólera apareceu en Galicia e, no mes de xullo do ano seguinte, xa había casos en Ribeira, e decontado se estendeu polas poboacións máis próximas.

Primeiros casos

Os primeiros casos apareceron en Porto do Son cara á metade de agosto de 1854. O 15 constatouse o primeiro caso na parroquia de Noal, o 24 en Baroña, o 28 en Queiruga e o 31 en Caamaño. A finais de mes chegou tamén a Portosín e a comezos de setembro a Miñortos. A presenza da enfermidade no concello sonense, aínda que foi tardía, foi igualmente virulenta pois nos rexistros da época contabilizáronse máis de 250 falecidos, sendo o número de mulleres lixeiramente superior ao dos homes. Como vemos, o brote devastou a poboación ao tempo que conmoveu os nosos antepasados.

Mortes fulminantes

A enfermidade provocaba mortes fulminantes pola deshidratación que seguía ás persistentes diarreas. Daquela, a doenza desatou unha auténtica histeria entre a poboación e as autoridades, que se viron desbordadas polos acontecementos. Logo virán novos brotes, como os de 1855, 1863, 1865 e 1873, que deixaron case baleiras as cidades e as vilas ao fuxiren os veciños cara ao campo.

Outra consecuencia do cólera foi o peche dalgúns dos cemiterios que se situaban nos adros das igrexas parroquiais buscando lugares afastados. Os enterramentos eran tan frecuentes que mesmo chegou a dicirse que as tumbas non se pechaban agardando a entrada dun novo membro da familia. Sirva como exemplo que na parroquia de Noal, no espazo de 12 días, faleceron catro membros da mesma familia. Foron Francisco Vidal, o 23 de agosto; o seu fillo Manuel Vidal Sobrado, o 25; a súa muller Juana Sobrado, o 3, e a súa filla María Vidal Sobrado o 3 de setembro.

A Xunta de Sanidade publicou estas recomendacións

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *